21 ene 2025

O VIXÍA NO CENTEO

     

    Antía Seijas (1º Bach A ) comparte as impresións (recensión e fotografía)  sobre a súa lectura de O vixía no centeo de J. D. Salinger. 


    O vixía no centeo (título orixinal: “The Catcher in the Rye”), é unha obra do autor estadounidense J.D. Salinger, coñecido principalmente por esta novela, que se converteu nun clásico da literatura moderna do seu país case dende o mesmo momento da súa publicación en 1951. Como datos sobre a súa persoa, participou na segunda guerra mundial no bando americano e esta foi a súa única novela, se ben escribiu numerosos relatos cortos, moitos influenciados polas súas vivencias. A editorial da primeira edición do libro foi Little, Brown and Company, a do meu exemplar (2001, tradución da obra ao galego), Xerais.

    Esta novela narra dende o punto de vista do protagonista, Holden Caulfield, e de forma subxectiva e coloquial como é propio da mocidade, o que lle ocorre a este tras a fuxida do seu elitista colexio e a súa posterior estancia en Nova York. Holden aporta numerosas análises da vida e da sociedade do seu redor, enfrontándose a temas que preocupan a todos os mozos, como os valores, a sociedade, o amor, a amizade... Todo isto de xeito humorístico e en primeira persoa, co que o autor consegue que o lector ou lectora realmente comprenda e se identifique co seu personaxe, inconformista, nervioso e cunha personalidade moi peculiar.

    Persoalmente, desfrutei moito con esta lectura, seguindo os pasos e os pensamentos de Holden, quen a pesar de ser un rapaz dos anos cincuenta consegue que realmente te recoñezas a ti mesmo nos seus pensamentos e reflexións como adolescente, que case sempre fai dende un punto de vista retranqueiro e ocorrente. A lectura irradia ao meu parecer un sentimento de disparidade respecto á sociedade ou contorna, algo que todos sentimos algunha vez nas nosas vidas, pero véndoo como algo bo e alentando a non seguir sempre ao “rabaño” por medo ao rexeitamento ou por costume, senón a ser como un é ou como mellor se sinta, se ben non se deben levar estes ideais a un extremo separatista

    Recomendaría a obra a todos os adolescentes que estean pasando por unha etapa dura da súa vida e se sintan diferentes, pero tamén aos que non, xa que poderían atopar un novo sentido ás súas crenzas e actos, ou redefinir o seu estilo de vida cara a un máis relaxado e no que non importen só as aparencias.


No hay comentarios:

Publicar un comentario