19 abr 2022

E SEGUIMOS CON 22 SEGUNDOS

 

Os lectores e as lectoras de 2º ESO  puxemos punto final á lectura da 22 segundos de Eva Mejuto. O libro conta a historia de Xela/Álex, unha persoa que sente que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer.  Medra sentíndose  identificado cos gustos e as roupas tradicionalmente asociados aos nenos, ata que inicia o seu cambio de identidade. Este proceso leva asociado moitas dificultades ata conseguir ser aceptado por el mesmo e tamén asumido polas persoas da súa contorna.  

A lectura do libro serviunos para comprender como se debe sentir alguén nunha situación coma esta. Na posta en común de ideas estivemos de acordo en que cadaquén ten que buscar atoparse ben consigo mesmo e non deixarse levar polos estereotipos asociados ao sexo. Respecto a iso, comentamos que moitos deses estereotipos nos parecen  tremendamente ridículos como,  por exemplo, relacionar os nenos  pequenos coa cor azul e as nenas coa cor rosa.  A lectura do libro serviunos para comprender que hai persoas que non se senten cómodas coa imaxe e co papel que lles marca a sociedade por ser nenos ou nenas.  Ademais dos sentimentos de Álex, tamén nos chamou a atención a diferente reacción da familia e o importante papel que ten esta á hora de afrontar as dificultades da vida. Comparamos as actitudes  da nai (que, ao comezo, parece non querer darse conta da problemática que sente o seu fillo)  e  do  avó (que será o que antes se decate do que está sufrindo  o seu neto e asuma con normalidade a nova situación).  Finalmente, o protagonista inicia o proceso de cambio, conseguindo deste xeito sentirse mellor consigo mesmo e  logrando ser  aceptado coa súa nova identidade pola súa familia e amizades.

Para rematar, temos que dicir que a lectura deste libro foi moi agradable, fácil e entretida.  En xeral gustounos moito como describe ó protagonista e o xeito de contar os seus sentimentos. Pareceunos moi interesante o feito de que tratase o tema da transexualidade  e serviunos para entender mellor esa realidade que nos resulta  descoñecida.

Irene, Antía, Alexandra, Darío, Nicolás e  Diego (2º ESO )

8 abr 2022

MEMORIA DO SILENCIO

 

 Ariadna Fernández comparte este suxestivo book-trailer que nos anima a ler Memoria do silencio de Eva Mejuto.  Esta historia lévanos ata as terras de Ribadavia, lugar onde as irmás Touza (tamén chamadas as  "Schindler galegas") axudaron a centos de xudeus a fuxir dos nazis cruzando a fronteira de Portugal. 





6 abr 2022

ARREDOR DE 22 SEGUNDOS

     Os fendetestas de 3º de ESO acabamos nestes días de ler a novela 22 segundos, de Eva Mejuto. Nela Xela-Alex conta a súa experiencia vital: naceu cos trazos físicos dunha nena (Xela), pero séntese un rapaz (acabará recompoñendo o seu nome e chamándose Alex). 

     O relato empeza en xaneiro de 2017, data na que Alex, próximo xa á súa maioría de idade, e inmerso xa no tránsito de cambio de sexo, decide subir á rede un arquivo onde se fai un repaso retrospectivo da súa vida anterior (desde os cinco anos), boa parte coa identidade de Xela: 

"Abro este blog para compartir con vós anacos da miña vida... tamén do que está por vir."

     Iso é o que di diante da web-cam e ese arquivo dos anos pasados  tarda 22 segundos en subir á internet. Alí están as imaxes que retratan os anacos máis doces e máis amargos da vida de Xela-Alex ó carón da súa disforia. A autora fai corresponder un capítulo a cada segundo: cada un deles recolle un episodio importante na vida de Xela para que acabe convertíndose en Alex. 

     Hoxe a nosa conversa sobre 22 segundos xirará arredor destas cuestións, todas elas enraízadas na novela de Eva Mejuto:  

 - Conceptos: 

Disforia, colectivo LGTBI, proceso de transición, canais FTM, masectomía, tratamento en T, trastorno da identidade, Bulling. 

 - Indicios cos que Xela-Alex mostra a incomodidade que lle produce ser unha rapaza, a través destas palabras-clave: 

chandal, melena, debuxos na escola, carta aos reis, relación coa avoa Helena, o traxe da comuñón, o equipo de fútbol do colexio, os comics, Ana

-  Relacións co entorno: 

  Avoa Helena, Anxo, primeira orientadora e primeiro psicólogo  VERSUS  súa nai, o avó, a profesora e a directora, Ana, segunda orientadora e nova psicóloga, Hadrián,

 - Temas: 

a) Disforia (a disforia de xénero preséntase como a non coincidencia entre o sexo asignado a un rapaz ou rapaza ao nacer  e a súa identidade sexual). 

b) Estereotipos de xénero (os estereotipos son xeneralizacións erróneas sobre un colectivo: certos trazos ou accións poden ser reais ou certos nalgúns membros pero non no conxunto; a cotío están relacionados cos prexuízos sociais). 

c)  Relacións familiares, fundamentais na educación dos fillos. Os entornos condicionan, facilitando ou dificultando, o desenvolvemento persoal de cada individuo. No caso de Xela-Alex a avoa paterna é un axente de frustración na neta e o avó materno, malia a súa idade, é un piar básico para que o protagonista se decida a cambiar de sexo.  

d) Amizade / empatía. Ana, primeiro amiga e logo algo máis, xunto con Hadrián e outros mozos que coñece por internet son persoas que axudan a Xela-Alex a loitar pola transición sexual.   

e) Escola: o seu papel socializador e inclusivo. O papel de Anxo. 

f)  Necesidade de profesionais ben formados e con coñecementos actualizados: a profesora Mari Carmen, as orientadoras e os profesionais da psicoloxía.    

g) As redes sociais: pros (¿e contras?) 

Despois da nosa conversa, gustaríanos preguntarlle á autora: