19 abr 2022

E SEGUIMOS CON 22 SEGUNDOS

 

Os lectores e as lectoras de 2º ESO  puxemos punto final á lectura da 22 segundos de Eva Mejuto. O libro conta a historia de Xela/Álex, unha persoa que sente que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer.  Medra sentíndose  identificado cos gustos e as roupas tradicionalmente asociados aos nenos, ata que inicia o seu cambio de identidade. Este proceso leva asociado moitas dificultades ata conseguir ser aceptado por el mesmo e tamén asumido polas persoas da súa contorna.  

A lectura do libro serviunos para comprender como se debe sentir alguén nunha situación coma esta. Na posta en común de ideas estivemos de acordo en que cadaquén ten que buscar atoparse ben consigo mesmo e non deixarse levar polos estereotipos asociados ao sexo. Respecto a iso, comentamos que moitos deses estereotipos nos parecen  tremendamente ridículos como,  por exemplo, relacionar os nenos  pequenos coa cor azul e as nenas coa cor rosa.  A lectura do libro serviunos para comprender que hai persoas que non se senten cómodas coa imaxe e co papel que lles marca a sociedade por ser nenos ou nenas.  Ademais dos sentimentos de Álex, tamén nos chamou a atención a diferente reacción da familia e o importante papel que ten esta á hora de afrontar as dificultades da vida. Comparamos as actitudes  da nai (que, ao comezo, parece non querer darse conta da problemática que sente o seu fillo)  e  do  avó (que será o que antes se decate do que está sufrindo  o seu neto e asuma con normalidade a nova situación).  Finalmente, o protagonista inicia o proceso de cambio, conseguindo deste xeito sentirse mellor consigo mesmo e  logrando ser  aceptado coa súa nova identidade pola súa familia e amizades.

Para rematar, temos que dicir que a lectura deste libro foi moi agradable, fácil e entretida.  En xeral gustounos moito como describe ó protagonista e o xeito de contar os seus sentimentos. Pareceunos moi interesante o feito de que tratase o tema da transexualidade  e serviunos para entender mellor esa realidade que nos resulta  descoñecida.

Irene, Antía, Alexandra, Darío, Nicolás e  Diego (2º ESO )

No hay comentarios:

Publicar un comentario