Andamos de reunión en reunión, poñendo un pouco de orde nesta cada vez maior familia que é o Club de Lectura Fendetestas: fixemos, como sempre, neste mes de outubro, un pouquiño de "publicidade": cómpre explicar ao alumnado novo en que consisten as nosas xuntanzas, que poden buscar nos libros e que poden ofrecerlles estes obxectos marabillosos...
A remates do mes, comezamos o percorrido dun novo tramo do camiño: nada máis e nada menos que con preto de 50 membros, distribuídos en 8 grupos que recollen alumnado de todos os cursos de ESO e de 1º de Bacharelato e coordinados por catro profesores. Estamos barallando títulos que se axeiten ós perfís de cada grupo: relatos de Fernández Paz, novelas gráficas, teatro de Moliére, novela española, americana e hispanoamericana para os mais "maiores"...
Xa vos contaremos, pois este ano somos moitos Fendetestas e polo tanto haberá moito que dicir...