8 may 2019

PEL DE LOBO


     Os rapaces e rapazas de 3º ESO  escollemos como lectura para o terceiro trimestre a obra Pel de lobo de Xosé Miranda.
      A xeito de resumo podemos dicir que esta breve novela conta a historia dun rapaz duns dezasete anos chamado Xosé (que é o narrador) o cal se dirixe co seu pai á casa dun fidalgo para dar caza a uns lobos que ameazan unha aldea de O Incio. Na casa do señor coñecen as súas fillas, Ana e Aurora, e enfróntase ás gadoupas dun animal que destaca pola súa intelixencia e  astucia.  

     Na sesión que dedicamos a comentar a obra foi precisamente este feito foi un dos que máis nos chamou a atención como lectores: a capacidade dos lobos para medir aos seus adversarios e decidir  o momento axeitado para o ataque. Tamén nos pareceu moi curiosa a  misteriosa personaxe chamada Rosa dos Chantos que era metade home e metade muller, dependendo da lúa. 



     A temática fantástica relacionada cos encantamentos e os lobishomes combínase nesta intrigante narración con varios temas que foron do noso interese. A sociedade da época na que se ambienta é moi tradicional e a relación entre o fidalgo e as súas fillas amosa claramente unha actitude machista e intolerante por parte do pai. Outro dos temas que aparece tratado na novela é o do sistema foral: rendas que moitos campesiños galegos pagaron durante séculos aos propietarios das terras que vivían a custa dos traballo alleo. Unha das fillas do fidalgo manifesta claramente a necesidade de superar esta situación e defende a abolición dos foros; pola contra, o pai (como fidalgo propietario) non chega a percibir a inxustiza do sistema.
     As impresións sobre o libro foron variadas. En xeral atrapounos polo intenso ritmo narrativo e pola temática. Destacou especialmente a trepidante acción que se desenvolve nos intentos de dar caza aos animais. Tamén  nos gustou moito o final  que uns consideraron feliz e outros matizaron como un pouco agridoce. Pero non imos desvelar a historia, só apuntamos que ten moito que ver coas relacións humanas e a incomprensión. Se queredes saber de que falamos, xa sabedes...

No hay comentarios:

Publicar un comentario