4 jun 2019

LECTURAS COMPARTIDAS




Dúas alumnas de 2º de Bacharelato (Rosalía Rico e Marta Martínez) ofrécennos, respectivamente, unhas interesantes análises críticas de dúas obras de autores ben coñecidos no noso Club. Son O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz e Tes ata as dez de Francisco Castro.


Agustín Fernández Paz, un dos escritores máis coñecidos e valorados no ámbito da literatura xuvenil e infantil en Galicia e no resto de España, publica en outubro de 2007 O único que queda é o amor, unha sucesión de relatos independentes que á súa vez, forman unha unidade que lle dá sentido ó título do mesmo. 

            E cando me decato de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único que queda é o amor”. É así con esta cita de Orhan Pamuk como se inicia a obra de Fernández Paz; unha obra que fala do amor en todas as súas variantes e non só no de parella no que se adoita pensar cando se fala do mesmo. Trátase dun conxunto de relatos introducidos por cadansúa cita doutros libros que Fernández Paz apreciou especialmente (ao igual que outros fragmentos mesturados nos mesmos), tal e como aclara el mesmo no epílogo. Dez magníficos relatos que levan o amor, o desamor, a paixón, a ausencia e a consecuente dor que provoca esta nos personaxes, máis alá das páxinas, deixando pegada en quen as le. Alén do amor, tan máxico como real, emprega personaxes e inventa situacións nas que ambos os dous elementos (fantasía e realidade) están presentes. A pantasma dun can e o seu dono (en “Esta estraña lucidez”), a insistente presenza do marido morto (ou non) dunha muller (en “Unha historia de fantasmas”) así como as notas de amor anónimas nunha libraría (en “Un radiante silencio”), as casualidades (ou destino) (presentes en “Unha foto na rúa”)... son elementos que se mesturan con total normalidade sen perder nunca o verdadeiro fío que dá unidade: o amor.

            Malia contar cun esquema que noutra obra tería sido (para min) o maior defecto,  teño que dicir que desta vez, resultou ser todo o contrario. As historias curtas de final aberto, a mestura de fantasía e realidade, etc. son elementos que adoitan non agradarme demasiado. Porén, neste caso, foi realmente o que me animaba a seguir lendo. De feito, gustaríame destacar especialmente o relato “Esta estraña lucidez”; a historia narrada pola pantasma dun can sobre os seus sentimentos dependentes dos do seu dono, que namorara dunha rapaza. Se cadra as persoas que non teñen can non poden comprendelo; mais, a tenrura, o xeito de contar, a miña debilidade polos animais e, en xeral, o que transmite, fixo que ata chegase a collerlle un certo cariño especial, o que non me pasou co resto de personaxes do conxunto. 

Por outra parte chamoume a atención que, no epílogo, Fernández Paz explica que a intención de mesturar fragmentos doutras obras é provocar nos lectores o desexo de achegárense aos títulos dos que se extraen os devanditos. Deste xeito, penso que a colocación dos relatos está previamente razoada (cando menos a do último: “Un río de palabras”). Trátase da historia dun mozo que pega anacos de libros que lle gustan co seu título correspondente polas rúas da súa vila coa mesma intención que Fernández Paz ten con esta obra.

  Recomendo esta obra a calquera tipo de público tanto pola súa sinxeleza como pola fermosa sensación que queda despois da súa lectura; se cadra a esta tamén se lle pode chamar amor...
                                                                                                                             
                                                                                                                                                                                  Rosalía Rico



            Francisco Castro publica en 2014, na editorial Galaxia, Tes ata as dez, unha obra cargada de suspense e intriga na que xoga cun tema tan inquietante como é a morte e todos aqueles interrogantes que a rodean.


A trama xira entorno a Toni, un mozo vigués que parece levar unha vida tranquila  co seu traballo nunha editorial coruñesa.  Porén, unha desconcertante e inesperada noticia farán que esta se veña abaixo, a morte do seu pai, con quen mantiña unha estreita relación na que a súa nai non tiña cabida. Pouco despois deste tráxico suceso, recibe unha estraña mensaxe: "Tes ata as dez", un correo que, para a súa sorpresa, enviaba o seu defunto pai. Estas catro palabras volverán tolo a Toni, quen se vería obrigado a atoparlle sentido a un crebacabezas no que as pezas parecían non encaixar. A través de cartas, correos electrónicos e demais pistas desacougantes, o finado, ou aquel que estivese facéndose pasar por el, irán guiando ao seu capricho ó protagonista. Unhas pistas que o levarán a facer diversas viaxes a Vigo e que lle permitirán descubrir un asunto dun pasado descoñecido que quedara sen resolver. O que Toni non sabía e que aquilo que andaba a procurar cambiaríao todo para sempre, comezando pola súa relación con Celia, a súa compañeira de traballo coa que compartía unha historia de amor. 

 Cómpre  destacar o xeito no que o autor narra a historia, empregando un estilo sinxelo e ameno. Moi acertado tamén ese interminable xogo de pistas que manteñen o suspense e que, en certo modo, fan aditiva a lectura, consegue atraparte. Salienta, ademais, a variedade de temas que trata, entre eles o amor nas súas diversas variantes. Pero, especialmente, esa mestura do presente cun pasado marcado pola censura e a loita contra esta, sen deixar de lado a ambientación que, no meu caso, ó ser coñecida, fai que teña un enfoque distinto. A trama é  orixinal e atractiva aínda que, dende o meu punto de vista, perde  un pouco de forza  cara ó final. Un desenlace máis débil do que esperaba e do que, sen dúbida, podería ter sacado máis partido. De calquera maneira, é unha lectura moi recomendable.
                                                               
                                                                   Marta Martínez

No hay comentarios:

Publicar un comentario