O pasado venres 7 de xuño celebrouse en Santiago
a XII edición das Xornadas dos Clubs de Lectura. Nesta ocasión, os case trescentos mediadores participantes puidemos asistir á presentación dun estudo realizado en varios clubs de
lectura espallados pola xeografía galega onde se puxo de manifesto a
calidade e a capacidade de socialización e integración que teñen en común estes proxectos. Tamén se destacou a proxección e o recoñecemento que esta
iniciativa ten fóra das nosas fronteiras.
Continuamos coa entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2018. A
galardoada nesta edición foi a escritora
e activista María Reimóndez, autora de obras como O club
da calceta, Pirata, Fóra do normal ou Corredora. No
seu relatorio titulado Inenarrables
fíxonos reflexionar sobre a invisibilidade ou os estereotipos
relacionados coa presenza (ou ausencia) das mulleres na literatura.
Ao
longo de toda a xornada puidemos intercambiar experiencias con distintos mediadores de lectura,
o que contribuíu, sen dúbida, a
ofrecernos novas perspectivas de enfoque para o noso traballo. Lecturas compartidas
nos cárceres, clubs temáticos, obradoiros
de poesía ... foron algunhas das variadas ofertas do día.
O punto final aos encontros púxoo a escritora
Marilar Aleixandre cunha interesante exposición sobre a presenza da muller na
ciencia a través da literatura. Un percorrido literario que nos levou dende
autoras como Rosalía (La hija del mar), Emilia Pardo Bazán (El
encaje roto) ata Ángela Carter (A cámara do sangue), Margaret Atwood (O conto da criada), Eva Mejuto (Memoria do silencio), Berta Dávila (A pel do mundo) sen esquecer
obras da propia relatora como
Expedición do Pacífico ou A filla do minotauro. Unha
interesante listaxe de suxestións que nos servirá sen dúbida para incorporar
futuras lecturas onde se ofreza unha nova visión sobre o papel da muller na ciencia
e, por extensión, na sociedade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario