Mostrando entradas con la etiqueta Xornadas Clubs de lectura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xornadas Clubs de lectura. Mostrar todas las entradas

6 jun 2021

XIII XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA

 

O pasado 4 de xuño tivemos a oportunidade de volver á  tan desexada presencialidade coa celebración da XIII Xornada dos Clubs de Lectura. Velaquí unha breve crónica do mesma.

 Comezamos o día asistindo  á entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2021  á escritora Eva Mejuto (22 segundos e Memoria do silencio).   A autora tamén nos falou sobre un recurso ben interesante para os clubs: o álbum ilustrado. Amosounos álbums de todo o mundo e rematou a súa intervención coa lectura da súa última obra: A lavandeira de  San Simón.  





Ao longo do día a oferta temática foi moi plural e variada. Mergullámonos na historia  e na literatura da man de  autores de recoñecida traxectoria como Manuel Gago, Héctor Carré e Xabier Quiroga. Aprendemos doutras experiencias de diferentes clubs espallados pola xeografía galega que compartiron con nós as súas propostas organizativas e temáticas.   Reflexionamos sobre o papel da lectura na sociedade actual coa escritora Marta Sanz. Valoramos a incorporación dos booktubers ao mundo das lecturas compartidas con José Miguel de Tomasena. Rematamos escoitando a Miguel Anxo Prado que compartiu con nós a súa experiencia no proceso de creación literaria. Sen dúbida, unha xornada repleta de ideas e suxestións que poñer en marcha!






8 jun 2019

XII XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA


       O pasado venres 7 de xuño celebrouse  en Santiago a XII edición das Xornadas dos Clubs de Lectura. Nesta ocasión, os case trescentos mediadores participantes puidemos asistir á presentación dun estudo realizado en varios clubs de lectura espallados pola xeografía galega onde se puxo de manifesto a  calidade e a capacidade de socialización e integración que teñen en común estes proxectos. Tamén se destacou a proxección  e o recoñecemento que esta iniciativa ten fóra das nosas fronteiras.


      Continuamos coa entrega do  Premio dos Clubs de Lectura 2018. A galardoada  nesta edición foi a escritora e activista María Reimóndez, autora de obras como  O club  da calceta, Pirata, Fóra do normal ou Corredora. No seu relatorio titulado Inenarrables  fíxonos reflexionar sobre a invisibilidade ou os estereotipos relacionados coa presenza (ou ausencia) das mulleres na literatura.

      Ao longo de toda a xornada puidemos  intercambiar  experiencias con distintos mediadores de lectura, o que  contribuíu, sen dúbida, a ofrecernos novas perspectivas de enfoque para o noso traballo. Lecturas compartidas nos cárceres,  clubs temáticos, obradoiros de poesía ... foron algunhas das variadas ofertas do día.


      O punto final aos encontros púxoo a escritora Marilar Aleixandre cunha interesante exposición sobre a presenza da muller na ciencia a través da literatura. Un percorrido literario que nos levou dende autoras como Rosalía (La hija del mar), Emilia Pardo Bazán (El encaje roto) ata Ángela Carter (A cámara do sangue),  Margaret Atwood (O conto da criada),  Eva Mejuto (Memoria do silencio),  Berta Dávila (A pel do mundo) sen esquecer obras da propia relatora como  Expedición do Pacífico ou A filla do minotauro. Unha interesante listaxe de suxestións que nos servirá sen dúbida para incorporar futuras lecturas onde se ofreza unha nova visión sobre o papel da muller na ciencia e, por extensión, na sociedade.







2 jun 2018

XI XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA


      Un ano máis o Club de Lectura Fendetestas estivo presente na undécima edición das Xornadas que reuniron en Compostela aos  coordinadores  dos 231 Clubs  espallados pola xeografía galega.
      O día  comezou coa entrega  do premio de Clubs de Lectura 2018 a Carlos Negro, como recoñecemento por ter sido o autor galego más lido polas lectoras e lectores  no pasado curso escolar. O autor de Makinaria, Penúltimas tendencias e Masculino singular reivindicou a importancia da poesía nos clubs de lectura  facendo fincapé na presenza desta nos elementos máis cotiás.  Tamén destacou o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas  na dinamización dos centros de ensino e da sociedade en xeral, e como estas deixaron de ser meros almacéns de libros para converterse en viveiros de creatividade. 


     
      A seguinte actividade foi unha mesa temática relacionada coas estratexias para a selección de textos. Resultou moi interesante e enriquecedor coñecer  a experiencia doutros grupos de dinamización  en canto  a lecturas, propostas de organización, itinerarios temáticos...Posteriormente  Freddy Gonçalves compartiu cos asistentes a súa experiencia como promotor da lectura ofrecendo  ideas e suxestións de actividades para desenvolver nos clubs.
     Na sesión da tarde a oferta de actividades diversificouse en diferentes obradoiros e propostas temáticas diversas. No Club de lectura Fendetestas optamos por asistir ao taller Proxecto Eva conducido por Freddy Gonçalves, onde tivemos que construír unha sociedade ideal despois dunha catástrofe mundial. As referencias a coñecidas distopías literarias como O conto da criada ou Os xogos da fame foron as bases desta interesante proposta.


     Rematamos a tarde co achegamento de Dores Vilavedra sobre a necesidade de realizar unha selección meditada das suxestións lectoras e unha proposta de textos pouco convencionais. A clausura correu a cargo do polifacético Xurxo Souto que, coa posta en escena baseada na súa obra  Contos no mar de Irlanda, constatou unha vez máis a idea de que a literatura non só está nos libros.