7 jun 2019

ENDEREZO DESCOÑECIDO E LA OLA: A NECESIDADE DE SER CIDADÁNS CRÍTICOS


Resultado de imaxes para enderezo descoñecido        
   Os fendetestas de 4º de ESO vimos de ler e charlar sobre a noveliña epistolar de Kressman  Enderezo descoñecido. Nela vese o deterioro dunha relación de amizade por mor do fanatismo con que un dos personaxes segue a doctrina nazi nos anos previos á 2ª Guerra Mundial. Asusta ver como os alemáns observan  primeiro con desconcerto a figura de Hitler, para logo sentírense fascinados por el. Martín, coma miles de compatriotas, convírteo no seu lider, na persoa que os sacará do sufrimento e da pobreza que asola Alemania desde a 1ª Guerra Mundial e que dirixirá o país para facer del un magnífico imperio.  Para iso desbota a sincera amizade de Max e deixa que os militares de Hitler persigan e depuren a Griselle, a irmá do que foi o seu mellor amigo. Enderezo descoñecido fíxonos  pensar, como anos atrás nos pasou con O diario de Ana Frank e con El niño en la cima de la montaña,  nese momento da historia da humanidade que de ningún xeito debe volver a repetirse. 



Resultado de imaxes para la ola      Despois da lectura desta pequena novela, vimos a película La ola, baseada nun feito real: o experimento que fixo un profesor californiano en 1968 cos seus alumnos para que reflexionasen sobre a pregunta Cómo foi posible que os alemáns apoiaran e permitirán todo o xenocidio que levou adiante Hitler e os seus homes? O profesor erixiuse en lider e disciplinou os alumnos, despois mostroulles a súa forza como grupo (uniformounos, tamén),  a capacidade como colectivo para levar a cabo importantes accións e o orgullo e a satisfacción de lograr os obxectivos marcados. Observou con gran sorpresa que o grupo se facía cada vez maior e seguían as súas consignas de xeito global, sentíndose cada vez máis capaces de calquera obxectivo. Vendo o perigo que isto empezaba a ter, o profesor detivo o experimento. Na versión cinematográfica, o profesor non é quen de deter o proceso e un alumno mata a outro, para despois suicidarse ao saber que o profesor non quere seguir adiante coa OLA, nome que recibe o grupo, consciente dos perigos que encerra.
    A tertulia posterior á película deixounos moi inquedos, pois démonos conta do fácil que pode ser manipular a un colectivo segundo sexan as circunstancias (idade, formación, situación persoal e cultural, contexto familiar...) que o rodean. Cómpre ter criterio propio e reflexionar sempre antes de actuar: dúas alumnas da aula en La ola, mostran o seu espírito crítico e non só non se integran no proxecto, senón que se enfrontan a el. Desde logo, é unha película máis que recomendable, non só para reflexionar sobre como Hitler arrastrou tras de si a miles de seguidores, senón para evitar que a barbarie nazi volva a repetirse.




No hay comentarios:

Publicar un comentario