A protagonista deste libro é unha rapaza chamada Estela
de dezanove anos que vive cos seus pais e coa súa irmá pequena. A familia mudárase
de Arxentina a Barcelona cando ela tiña só catro anos.
A súa vida cambia totalmente cando descobre que ela
era unha “nena roubada” na ditadura arxentina e que os seus verdadeiros pais
foran cruelmente asasinados polas súas ideas. A través dunha irmá da súa nai
coñeceu a historia familiar e a loita das nais e avoas da Praza de Maio que se
mobilizaron para reclamar noticias dos seus familiares desaparecidos. Tamén
soubo que o seu pai era militar, un membro do exército que rematou con miles de
vidas.
Estela vese obrigada a asimilar a terrible noticia da súa
orixe e ademais ten que pensar se debe contarlle a verdade ou non á súa irmá
que ten tan só dezaseis anos.
Precisamente este feito foi o que máis debate e comentarios
provocou na sesión que mantivemos para falar do libro. Todos estivemos de acordo en que a historia
nos pareceu á vez terrible e conmovedora. Tamén comentamos que foi doado de ler porque
está narrado dun xeito moi intrigante e con varias sorpresas que non son moi
agradables. A algúns resultáronnos moi fortes as escenas das torturas aínda que
valoramos que foi moi interesante coñecer unha historia tan impresionante coma
esta. Por uns momentos, puxémonos na pel da protagonista e decatámonos de que a
decisión de dicirlle a verdade ou non á súa irmá debeu ser moi difícil. Neste aspecto houbo división de ideas:
para uns, Estela debería terlle dito a verdade á súa suposta irmá e axudarlle a
buscar a súa familia; para outros, tomou a decisión correcta deixándoa vivir
feliz e allea á terrible historia familiar. De todos os xeitos, estivemos de acordo en que sería
moi difícil decidir que facer e que, calquera que fose a decisión sería moi dolorosa. En
xeral, gustounos o final aínda que algúns quedamos coa idea de que non se fixera
xustiza ao non denunciar ao pai.
Rematamos dicindo que nos pareceu unha lectura
moi interesante para os que queiran coñecer as
consecuencias que unha ditadura pode ter nas vidas das persoas.
Xacobe, Noa, Teresa,
Berta, Sara e Iago (2º ESO B)
No hay comentarios:
Publicar un comentario