29 abr 2021

SUBNORMAL

 

O pasado martes 20 de abril tivemos a honra de manter un encontro por videoconferencia con Iñaki Zubiarreta sobre o acoso escolar. A terrible situación que viviu sendo un neno deu pé para a creación dun libro de banda deseñada titulado Subnormal (Panini Cómics, 2020 ) onde se relata a súa historia con debuxos de Miguel Porto e guión de  Fernando Llor.



O alumado do primeiro ciclo da  ESO e os integrantes do Club de lectura do segundo ciclo asistimos a unha charla que nos impresionou e emocionou dunha maneira que non é doado de explicar. Iñaki falounos da súa experiencia persoal  de acoso e de como a súa  elevada estatura o marcou como diferente. O neno arrastraba unha situación familiar complicada que o converteu nun obxectivo  sumamente fácil. El non se atreveu a dicirlles nada aos seus pais e tampouco contou para nada co apoio do profesorado; pola contra, a súa titora contribuíu coa súa actitude no seu proceso de falta de autoestima e introspección. Non foi quen de contarlle a un adulto as tremendas humillacións ás que se viu sometido ata que o nivel de acoso se fixo intolerable. O estado de depresión e de desánimo no que caeu levouno a tentar quitarse a vida porque non vía outra solución posible.  Finalmente, decidiu non suicidarse e enfrontarse aos seus acosadores. A malleira que recibiu cando optou por defenderse levouno ao hospital. A partir de aí a situación cambiou: os seus pais tiveron coñecemento dos feitos e cesaron as agresións. Ademais as características físicas de Iñaki e os seus dotes para o baloncesto fixeron que destacara neste deporte, o que supuxo un estímulo e unha saída para el. Chegou a ser xogador profesional de baloncesto e a xogar na liga ACB. De todos os xeitos, as feridas non estaban pechadas e el compartiu con nós que a súa saúde emocional estivo resentida durante moitos anos.  Afectoulle  moito o caso dun rapaz de Euskadi que non foi quen de aturar o acoso e puxo fin á súa vida. Ese suceso desencadeou unha gran xenreira nel, intentando buscar culpables do caso de Jokin e do seu propio e incluso, canalizou a súa frustración  planeando vingarse da profesora que tanto dano lle fixera. Contounos que necesitou moitos anos para decatarse de que el levaba unha “mochila” moi pesada ás súas costas,  a cal tiña que asimilar e aprender a xestionar. Afortunadamente, conseguiu superar o trauma persoal e converterse, como el mesmo nos dixo, “na mellor versión de min mesmo”.

Ademais de contarnos a súa historia  persoal, deunos unhas claves fundamentais para entender o mundo do acoso escolar. Chamounos a atención sobre o feito de que os acosadores escollen as súas vítimas tendo en conta o seu carácter e as súas circunstancias. Tamén nos dixo que hai tres tipos de acosadores: os líderes, os que secundan as acción deses líderes e os  que colaboran de xeito pasivo; é dicir, os que coñecen a situación pero prefiren ignorala e mirar para outro lado. Destacounos a importancia de denunciar  ante un adulto (pai, nai, profesorado...) calquera caso que poida implicar unha actitude de acoso. E sobre todo fíxonos ser moi conscientes de que este tema do acoso non é un xogo de nenos, é algo moi serio e, que pode facer moito moito dano e marcar a unha persoa para toda a vida. Tamén nos asegurou que, por desgraza, a situación non era tan diferente á vivida por el na súa infancia. A pesar das campañas de concienciación seguen existindo numerosos casos de acoso moi difíciles de detectar e de eliminar. Para que isto non suceda é fundamental a nosa actitude  que nunca pode ser permisiva nin tolerante con estas accións.


No hay comentarios:

Publicar un comentario