Mostrando entradas con la etiqueta SUBNORMAL. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta SUBNORMAL. Mostrar todas las entradas

1 may 2021

O QUE APRENDEMOS SOBRE O ACOSO...

 

Recollemos deseguido algunhas das nosas impresións sobre a conferencia de Iñaki Zubizarreta:

Nas súas palabras e na súa expresión notábase que sufriu moito no pasado. Aprendín que as bromas poden ser perigosas, hai que paralas e non quedar en silencio.

                                  Xabier   Cartón 1º ESO

O acoso é unha realidade e é algo moi grave. A súa historia foi conmovedora e ensinounos como frear esta situación; pois, por desgraza,  isto sucede a diario.

                                   Alexandra Sousa 1º ESO

A charla estivo moi ben explicada e serviunos para reflexionar sobre as situacións que poden estar sufrindo algunhas persoas  e aprender a poñerse no lugar dos outros. Hai que tratar aos demais como nos gustaría que nos tratasen a nós.

                                         Laura  García 1º ESO

Foi unha charla impresionante e tremendamente emocionante. Fíxonos reflexionar sobre as tremendas consecuencias que pode ter para unha persoa vivir unha experiencia así. Non podemos entender como alguén pode ser tan cruel e facerlle un dano tan terrible a outra persoa. Tampouco comprendemos a actitude da profesora, que non fixo nada para axudalo e incluso axudou a empeorar a situación. O que máis claro nos quedou foi que se vemos  ou sufrimos algún tipo de acoso, hai que avisar a un adulto..

                                           Club de lectura de 2º ESO

Nunca pensei que alguén puidese chegar a eses extremos. Cando escoitas a Iñaki contándoo en primeira persoa decátaste do sufrimento tan grande que viviu.

                                                        Noa  Seone  2º ESO

Foinos narrando paso a paso o acoso que  tivo que soportar dun xeito  moi ben artellado. Isto conseguiu que nos puxésemos no seu lugar e nos emocionásemos moito.

                                                                                                                                      Teresa Conde 2º ESO

Impresionoume moito cando contou como lle meteron a cabeza no retrete para obrigalo a comer os excrementos dun dos acosadores. Pareceume horrible e quedei conmocionado o resto do día.

                                            Julián  Pérez (3º ESO)

Un exemplo de superación persoal e resistencia para moitos nenos e  adolescentes  que o pasaron moi mal ou aínda o seguen pasando. 

                                                      Julián Merelas (3º ESO)

O que máis me impactou foi cando contou que o tempo que pasou fronte o acantilado se lle fixo eterno. A charla serviume para decatarme de que non pode haber silencio ante cousas tan terribles como as que lle facían .

                                                                                                                                             Aitor Roca (3º ESO)

Iñaki  contounos os efectos que deixa nas vítimas que sofren ou sufriron acoso e tamén nos transmitiu como a rabia e a ira puideron entrar nel anos máis tarde dos acontecementos.

                                                                                                                                      Ánxela Roca (4º ESO )

A rabia contida  e a ira constante fixo que planease agredir e deixar á súa profesora por telo sometido a constantes humillacións en público. Acabou desbotando a idea e decatándose de que non ía arranxar nada dese xeito.  O Iñaki actual é completamente diferente: xa non está dominado pola ira e as persoas que llo fixeron pasar tan mal xa non ocupan nin un oco nos seus pensamentos.

                                                      Nuno Couso (4º ESO)

Foi incrible a forma na que nos transportou á súa realidade, facéndonos sentir parte dela e emocionándonos de maneira incrible. Cando saín da charla de Iñaki sentinme diferente. Non teño palabras para expresalo. Foi, sen dúbida,  a mellor charla á que asistín na miña vida.  Penso que todo o mundo debería ler Subnormal e gustaríame moito poder coñecelo de maneira presencial. 

                                                                                                                          Ariadna Fernández  (4º ESO) 

 Rematamos dándolle as grazas a Iñaki polo seu libro e  por compartir a súa historia con nós e facer que nos decatásemos de que o acoso é algo moi grave que temos  que parar entre todos.

29 abr 2021

SUBNORMAL

 

O pasado martes 20 de abril tivemos a honra de manter un encontro por videoconferencia con Iñaki Zubiarreta sobre o acoso escolar. A terrible situación que viviu sendo un neno deu pé para a creación dun libro de banda deseñada titulado Subnormal (Panini Cómics, 2020 ) onde se relata a súa historia con debuxos de Miguel Porto e guión de  Fernando Llor.



O alumado do primeiro ciclo da  ESO e os integrantes do Club de lectura do segundo ciclo asistimos a unha charla que nos impresionou e emocionou dunha maneira que non é doado de explicar. Iñaki falounos da súa experiencia persoal  de acoso e de como a súa  elevada estatura o marcou como diferente. O neno arrastraba unha situación familiar complicada que o converteu nun obxectivo  sumamente fácil. El non se atreveu a dicirlles nada aos seus pais e tampouco contou para nada co apoio do profesorado; pola contra, a súa titora contribuíu coa súa actitude no seu proceso de falta de autoestima e introspección. Non foi quen de contarlle a un adulto as tremendas humillacións ás que se viu sometido ata que o nivel de acoso se fixo intolerable. O estado de depresión e de desánimo no que caeu levouno a tentar quitarse a vida porque non vía outra solución posible.  Finalmente, decidiu non suicidarse e enfrontarse aos seus acosadores. A malleira que recibiu cando optou por defenderse levouno ao hospital. A partir de aí a situación cambiou: os seus pais tiveron coñecemento dos feitos e cesaron as agresións. Ademais as características físicas de Iñaki e os seus dotes para o baloncesto fixeron que destacara neste deporte, o que supuxo un estímulo e unha saída para el. Chegou a ser xogador profesional de baloncesto e a xogar na liga ACB. De todos os xeitos, as feridas non estaban pechadas e el compartiu con nós que a súa saúde emocional estivo resentida durante moitos anos.  Afectoulle  moito o caso dun rapaz de Euskadi que non foi quen de aturar o acoso e puxo fin á súa vida. Ese suceso desencadeou unha gran xenreira nel, intentando buscar culpables do caso de Jokin e do seu propio e incluso, canalizou a súa frustración  planeando vingarse da profesora que tanto dano lle fixera. Contounos que necesitou moitos anos para decatarse de que el levaba unha “mochila” moi pesada ás súas costas,  a cal tiña que asimilar e aprender a xestionar. Afortunadamente, conseguiu superar o trauma persoal e converterse, como el mesmo nos dixo, “na mellor versión de min mesmo”.

Ademais de contarnos a súa historia  persoal, deunos unhas claves fundamentais para entender o mundo do acoso escolar. Chamounos a atención sobre o feito de que os acosadores escollen as súas vítimas tendo en conta o seu carácter e as súas circunstancias. Tamén nos dixo que hai tres tipos de acosadores: os líderes, os que secundan as acción deses líderes e os  que colaboran de xeito pasivo; é dicir, os que coñecen a situación pero prefiren ignorala e mirar para outro lado. Destacounos a importancia de denunciar  ante un adulto (pai, nai, profesorado...) calquera caso que poida implicar unha actitude de acoso. E sobre todo fíxonos ser moi conscientes de que este tema do acoso non é un xogo de nenos, é algo moi serio e, que pode facer moito moito dano e marcar a unha persoa para toda a vida. Tamén nos asegurou que, por desgraza, a situación non era tan diferente á vivida por el na súa infancia. A pesar das campañas de concienciación seguen existindo numerosos casos de acoso moi difíciles de detectar e de eliminar. Para que isto non suceda é fundamental a nosa actitude  que nunca pode ser permisiva nin tolerante con estas accións.


12 abr 2021

EL SANDWICH DE MARIANA

El exbaloncestista Iñaki Zubizarreta relata en el cómic 'Subnormal' el  calvario que sufrió en el colegio | Cultura | EL PAÍS

   

 

    Boa parte dos membros do club estamos a ler a novela gráfica Subnormal, de Iñaki Zubizarreta: nela trátase con toda a crudeza o tema do acoso escolar, sufrido polo autor ata límites ben extremos.

    A curta El sandwich de Mariana, vén engadir un novo motivo de reflexión acerca do acosador e das súas motivacións. Aquí deixamos o enlace para que o vexades: seguro que a próxima xuntanza nos permitirá poñer sobre a mesa interesantes reflexións sobre esta terrible realidade que é o acoso, visibles no libro e na curtametraxe: 

https://www.youtube.com/watch?v=f-8s7ev3dRM

Por certo, que ninguén pense que o acoso escolar é un fenómeno recente... Hai moito tempo que está, máis ou menos silente, latexando nas aulas. Mirade: 

https://www.youtube.com/watch?v=WgiB06NNo5E    (El encargado, curta)