30 may 2025

AS ALUMNAS DE PAULA CARBALLEIRA

     

     Na xornadas dos Clubes de Lectura tivemos a oportunidade e o pracer de escoitar a Paula Carballeira, a autora homenaxeada este ano. Á interesante lectura de As alumnas  engadímoslle a contextualización realizada pola autora que nos comunicou a necesidade de achegarnos á figura de pioneiras como María Barbeito, unha de tantas mulleres que foron adiantadas ao seu tempo e, moitas veces, invisibilizadas de maneira evidente. A literatura e os clubes de lectura son tamén vías de visibilización desas historias que debemos sacar á luz para que o seu traballo non fique no esquecemento.  


  

17 may 2025

DÍA DAS LETRAS: O LEGADO DA LITERATURA POPULAR

       

    No club de lectura Fendetestas non só lemos libros. Ás veces a literatura non está nos textos, está na voces daquelas persoas que mantiveron viva a tradición de xeración en xeración preservando e difundindo os cantares populares. A literatura de transmisión oral é un tesouro que debemos valorar e revitalizar a través da música, da danza e tamén da lectura deses textos que serviron para amenizar tarefas e xuntanzas populares. 

     O venres 16 de maio no IES de Curtis celebramos a festa das nosas letras. Unha homenaxe a todas aquelas mulleres que mantiveron vivo a tradición da nosa cultura e, por extensión da nosa lingua. Elas foron e son o elo que une tradición e modernidade e proba da vixencia do seu legado témolo na actividade organizada polo alumnado.  Os participantes forman parte das asociacións Faragulla de Teixeiro, A Maristela de Sobrado e  Brincadeira de Santiago: Todos eles uniron as súas voces e pandeiretas para contribuír ao merecido recoñecemento colectivo  proposto pola Real Academia Galega.

 


 Moitas grazas a todas e todos pola vosa colaboración!