Mostrando entradas con la etiqueta Comedia bífida. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Comedia bífida. Mostrar todas las entradas

23 abr 2015

UNHA BOA MANEIRA PARA REFLEXIONAR SOBRE A CONVIVENCIA DO GALEGO E DO CASTELÁN



Por fin, os fendetestas de 4º de ESO rematamos a lectura e o diálogo sobre a Comedia Bífida, de M.Núñez Singala. Esta obra serviunos para varias cousas:

- Entendemos o que era unha comedia: é unha peza teatral que non só serve para facer rir senón tamén para criticar aspectos da sociedade que están mal.
- Démonos conta da desigualdade entre dúas linguas irmáns como son o galego e o castelán.
- Aprendemos novos conceptos como bilingüísmo e diglosia, normalización e normativización, interferencias lingüísticas, variedades xeográficas da lingua...
- Comprobamos unha vez máis que o humor facilita a aprendizaxe e a comprensión do que se nos quere ensinar.

Velaquí algunhas das nosas opinións sobre esta obra na que se representa o xuízo final polo que debemos pasar ao morrer para dar conta dos nosos "pecados" no que respecta ó uso da lingua galega: 

-" O personaxe que máis me divertiu foi Luci ( o demo): pareceume moi orixinal a súa vestimenta e a maneira de xesticular, parecía unha muller". BRUNO
- " Resultáronme moi graciosas as siamesas Lina e Lana: utillizan expresións que fan rir como Ser un pouco diésel para referirse a alguén que entende con lentitude. Porén son dous dos personaxes máis despectivos fronte o galego e iso fai que non me identifique para nada con elas". LORENA
- "Gustoume especialmente a escena das duas nais cos seus fillos e recordoume unha obra de teatro que vimos hai uns meses na que se representaba isto mesmo. Chámame a atención que esa situación sexa tan cotiá na nosa sociedade, mágoa que haxa que poñela enriba dun escenario para que nos decatemos dela". SERGIO
- "Parecéronnos moi cómicas as intervencións de Deus: en ningún momento aparece a súa voz nin o seu aspecto. Cada vez que alguén di tacos ou actúa incorrectamente emite un trono que fai rir ó público". MARTA E RUBÉN

Para rematar queremos animarvos a ler o novo libro deste autor, titulado Instrucións para tomar café , no que a través de microrrelatos segue  a reflexionar sobre a situación lingüística do galego.

29 ene 2015

TEATRO...PARA LER, PARA RIR E PARA PENSAR.


  

       Os fendetestas de 4º ESO estamos a ler (¡en vivo e en directo!),  a Comedia bífida, de Núñez Singala. Trátase dunha curiosa versión do Xuízo Final. Con San Pedro como xuíz supremo, os mortos desta obra de teatro son xulgados pola súa actitude na vida a prol ou en contra do uso da lingua propia.



    Pois ben, o punto de partida xa nos fixo rir un pouco: cómpre estarmos mortos para entrar na pel de cada un dos personaxes. Condición curiosa, non si?  Pouco a pouco o sorriso vai medrando: atopámonos cun demo un tanto peculiar e cuns empregados dese "organismo" que é a Sala do Xuízo Final ben curiosos...

        Pero... non todo é rir: estamos a ver que comunicar no teatro non é tan doado como parece: coidar xestos e entonación esixe empeño e concentración... Seguiremos ao longo destas semanas co noso intento non só de entender a mensaxe do autor, senón de lograr transmitila con humor e acerto.