20 dic 2012

MATILDA



Na última reunión que tivemos os Fendetestas de 1º ESO antes das vacacións de Nadal fixemos unha posta en común da lectura de Matilda de Roald Dahl . Todos coincidimos en que o libro nos gustou moito e que lelo non foi para nada un traballo, máis ben todo o contrario. Os membros do club fomos destacando aqueles aspectos que máis nos chamaron a atención da historia de Matilda.

Velaí unha pequena mostra dos comentarios:

Andrea dixo que todos os rapaces e rapazas que teñan interese por ler e aprender cousas coma a protagonista do libro deberían ser apoiados polos seus pais, a diferenza do que lle ocorre a Matilda, que é unha incomprendida.
A Sara chamoulle a atención a incultura dos pais e como aparecen ridiculizados en moitos aspectos (costumes, alimentación..). Tamén destacou o pouco caso que lle fan e o distintos que son a ela.
A Bianca encantoulle unha das escenas máis divertidas da obra, cando Matilda lle pega ao pai o sombreiro á cabeza como vinganza pola súa actitude.
Rodrigo, que ademais de ler a novela viu a película, explicounos o que lle pareceron as dúas, aínda que non soubo dicir cal lle gustara máis.
En xeral, comentamos que cando viamos unha película baseada nun libro era mellor ler primeiro a historia e despois ver a versión cinematográfica. Por que? Porque coa lectura imaxinamos como son os personaxes , os espazos… e coa película poñémoslle cara a todo iso que antes estaba só na nosa mente. Tamén falamos do que era para nós a lectura e de que libros nos gustaran moito e doutros que non foran do noso agrado.

Rematamos escollendo unha nova lectura para comezar nas vacacións: O pazo baleiro de Xabier Docampo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario