Tendo en conta o
éxito que tivo o curso pasado a lectura de Querido
hijo: estás despedido de Jordi Sierra
i Fabra decidimos ler un título do mesmo autor que parece unha
continuación; a obra en cuestión é Querido
hijo: estamos en huelga.
Os pais de Felipe, fartos do comportamento pouco responsable do seu fillo,
deciden poñerse en folga: non fan a
comida, non espertan ao seu fillo, non o
mandan para a cama, non lle encargan
facer ningunha tarefa, dedícanse a facer ximnasia, xogan cos videoxogos...
Nas postas en común
que tivemos para comentar este libro foron moitos e moi variados os
comentarios. O sentir xeral foi que a
todos nos gustou moito e que nos pareceu
moi divertido aínda que tamén nos fixo pensar e … eses pensamentos ou
reflexións dos fendetestas de 2º ESO son os que recollemos a continuación:
Ángela comentou que baixo o seu punto de vista os pais tiñan razón por un lado, pero por outro non, porque tamén deberían entender aos fillos cando fan algo mal. Os
niveis de esixencia entre pais e fillos deberían estar máis compensados.
Laura dixo que lle
parecía mal que os pais deixasen de mandarlles aos rapaces facer as tarefas. Ela argumentou que se os fillos non aprendemos de nenos, o día de
mañá non saberemos facer nada. Cómpre que
os pais controlen algo o que facemos. Sorprendeuna que ao final do libro (na negociación) ambas
partes pediran tantas cousas.
A Diego pareceulle
moi ben que os pais se puxesen en folga
porque o fillo era un pouco desastre e non facía case nada. Tamén comentou que
a lectura da obra o fixo pensar que, se
os seus pais se puxesen en folga, el
marcharía para a casa dos seus avós.
Cristián non estaba
de acordo co comportamento dos pais
nin co do fillo. Para el o bo
sería que non marcasen tantos límites e intentaran entenderse co diálogo.
Sabela contounos
que, no hipotético caso de que os seus pais se puxesen en folga, aguantaría un pouco, pero despois necesitaría axuda. Pensa que só sería quen de aturar unha situación
como a que viviu o protagonista durante unha semana como máximo.
Raúl opina que, en
parte, os pais teñen razón. El cre que
se lle quitasen o teléfono, os
videoxogos , a televisión e o ordenador ao rapaz, el xa se espeliría e os seus pais non terían que pórse en folga.
Iago pensa que o
comportamento do fillo non foi moi bo, non está xustificado.
A Mario este libro ensinoulle bastante, sobre
todo, serviulle para decatarse de que se un sempre se porta mal, acábao pagando.
Por outra parte, tamén lle pareceu algo
pesado o comportamento da nai de Felipe porque sempre o estaba “machacando”.
Leonardo, que foi
quen recompilou estas reflexións,
opinou que foi un libro que nos
permitiu reflexionar e poñernos no papel dos pais, algo que non sempre facemos.