Mostrando entradas con la etiqueta Querido hijo: estamos en huelga. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Querido hijo: estamos en huelga. Mostrar todas las entradas

11 feb 2021

LENDO A JORDI SIERRA

Os fendetestas de 2º ESO non paramos de ler. Nesta ocasión as obras escollidas foron Querido hijo: estás despedido e Querido hijo: estamos en huelga de Jordi Sierra i Fabra. As opinións foron coincidentes, os dous gustáronnos moito e ademais fixéronnos pensar.

Querido hijo: estás despedido pareceunos bastante cómico e divertido pero á vez un pouco triste porque nos decatamos de que o  noso comportamento ás veces deixa moito que desexar...  De feito, pensamos que todas as rapazas e rapaces da nosa idade deberían lelo para poñerse un pouquiño do outro lado e ver como nos coidan e se preocupan por nós os nosos pais.

A lectura de Querido hijo: estamos en huelga fíxonos meditar sobre algo que parece moi evidente pero que non sempre temos claro: os nosos pais non son os nosos criados e tamén teñen dereito  a descansar de cando en vez. Unha das cuestións que crea máis problemas entre pais e fillo é a desorde. A nós cústanos bastante iso de recoller as cousas e resúltanos pesado que nos estean dicindo sempre o que temos que facer. Ás veces cústanos ver que ser pais é unha tarefa moi complexa e que esixe moito traballo e dedicación. 


 

Por outra parte, os libros tamén nos fixeron ver que os pais non son perfectos e tampouco teñen razón sempre.  Nós tamén a temos ás veces. O que está claro é que todos temos que poñer da nosa parte para levarnos ben e axudar o que poidamos.

Rematamos a lectura deste  libros, pero non cambiamos de autor porque o noso seguinte obxectivo é  La memoria de los seres perdidos. Compartiremos neste blog as nosas impresións.

 

1 jun 2016

QUERIDO HIJO: ESTAMOS EN HUELGA




Tendo en conta o éxito que tivo o curso pasado a lectura de Querido hijo: estás despedido de Jordi Sierra  i Fabra decidimos ler un título do mesmo autor que parece unha continuación; a obra en cuestión é Querido hijo: estamos en huelga. 

 Os pais de Felipe, fartos do  comportamento pouco responsable do seu fillo,  deciden poñerse en folga: non fan a comida, non espertan ao seu  fillo, non o mandan para a cama,  non lle encargan facer ningunha tarefa, dedícanse a facer ximnasia,  xogan cos videoxogos...

Nas postas en común que tivemos para comentar este libro foron moitos e moi variados os comentarios.  O sentir xeral foi que a todos nos gustou moito e que  nos pareceu moi divertido aínda que tamén nos fixo pensar e … eses pensamentos ou reflexións dos fendetestas de 2º ESO son os que recollemos a continuación:

 Ángela comentou que baixo o seu punto de vista  os pais tiñan razón por un lado,  pero por outro  non, porque  tamén deberían  entender aos fillos cando fan algo mal. Os niveis de esixencia entre pais e fillos deberían estar máis compensados. 

Laura dixo que lle parecía mal que os pais deixasen de mandarlles aos rapaces  facer as tarefas. Ela argumentou que se  os fillos non aprendemos de nenos, o día de mañá non saberemos facer nada.  Cómpre que os pais  controlen  algo o que facemos. Sorprendeuna  que ao final do libro (na negociación) ambas partes pediran tantas cousas.

A Diego pareceulle moi  ben que os pais se puxesen en folga porque o fillo era un pouco desastre e non facía case nada. Tamén comentou que a lectura da obra o fixo pensar que,  se os seus pais se puxesen en folga,  el marcharía para a casa dos seus avós.

Cristián non estaba de acordo co comportamento dos pais  nin  co do fillo. Para el o bo sería  que non  marcasen tantos límites  e intentaran  entenderse co diálogo.

Sabela contounos que, no hipotético caso de que os seus pais se puxesen  en folga,   aguantaría un pouco,  pero despois necesitaría axuda.  Pensa  que só sería quen de aturar unha situación como a que viviu o protagonista durante unha semana como máximo.

Raúl opina que, en parte,  os pais teñen razón. El cre que se  lle quitasen o teléfono, os videoxogos , a televisión e o ordenador  ao rapaz,  el   xa se espeliría  e os seus pais non terían que pórse en folga.

Iago pensa que o comportamento do fillo non foi moi bo, non está xustificado. 

A Mario este libro ensinoulle bastante, sobre todo, serviulle para decatarse de que se un sempre se porta mal, acábao pagando. Por outra parte,  tamén lle pareceu algo pesado o comportamento da nai de Felipe porque sempre o estaba “machacando”.

Leonardo, que foi quen recompilou estas reflexións,  opinou  que foi un libro que nos permitiu reflexionar e poñernos no papel dos pais, algo que non sempre facemos.