2 jun 2017

O CURIOSO INCIDENTE DO CAN A MEDIANOITE


          Christopher Boone é o protagonista  desta novela de M. Haddon. O rapaz  ten 15 anos e coñece todos os países do mundo, as súas capitais e cada número primo ata 7.057. Encántanlle as matemáticas, relaciónase ben cos animais, pero non ten a comprensión das emocións humanas. Non soporta que o toquen e busca sempre a rutina, a orde e previsibilidade no seu día a día, xa que iso faille sentirse seguro e a salvo.

        A anterior descrición corresponde a un neno con Síndrome de Asperger, un subtipo de Autismo comprendido dentro do espectro autista, cuxas características principais son a dificultade na interacción social, afectividade e comunicación, falta de empatía e de sensibilidade cara aos demais, tendencia ao egocentrismo, inxenuidade e credulidade, falta de coñecemento dos límites e das normas sociais, así como os intereses restrinxidos e repetitivos.

      Tamén Christopher presenta certa obsesión pola rutina, a orde e por converter en rituais actos cotiáns. A diferenza principal entre a Síndrome de Asperger e os demais subtipos do espectro autista é que estas persoas non presentan un atraso na súa intelixencia, sendo ás veces superior á media, como no caso dos autistas de alto funcionamento. 

       Na novela, vive co seu pai, separado da nai: ela escríbelle a miúdo, pero o pai agocha as cartas e faille pensar que ela está morta. Cando descobre a verdade, o rapaz marcha da casa na busca desa figura tan importante na súa vida: proponse chegar a Londres e consígueo, demostrándolles aos demais e a si mesmo a súa capacidade para enfrontar problemas.

- O momento que máis me gustou do relato foi o reencontro coa nai, porque non podía imaxinar que se abrazaran. Iso en Cristopher quere dicir moito.       María Casal (1º Bac A)

- Deixoume sorprendida o momento en que o rapaz atopa no armario do pai as cartas que súa nai lle fora enviando: iso é o que o impulsa a marchar, mostrando unha grande valentía. Sentín moito rechazo polo pai nese momento.                             Patricia Vázquez    (1º Bac A)

- O final gustoume moito: Cristopher medrou ao longo da novela, agora sabe que é  quen de lograr os obxectivos que se propoña. É un personaxe que atrae moito, é case imposible non empatizar con el.                                  Marta Varela (1º Bac B)

 


No hay comentarios:

Publicar un comentario