Mostrando entradas con la etiqueta O curioso incidente.... Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta O curioso incidente.... Mostrar todas las entradas

4 jun 2023

O CURIOSO INCIDENTE...

      Sabela Martínez (1º Bach A) ofrécenos unha persoal e orixinal interpretación visual da obra de Mark Haddon. 



19 dic 2021

O CURIOSO INCIDENTE DO CAN Á MEDIA NOITE

 
 

O curioso incidente do can á media noite é unha novela xuvenil de Mark Haddon, ilustrador, guionista e escritor británico, autor de libros infantís como Un pequeno inconveniente. Ademais, Haddon traballou con persoas que padecían discapacidades físicas e mentais, adquirindo así coñecementos sobre o tema, que despois aplicaría nos seus libros.

Esta novela trata sobre o autismo, xa que a obra está escrita desde a perspectiva dunha persoa que sofre esta enfermidade. Christopher é un adolescente que intenta descubrir quen matou a Wellington, o can da veciña. Para iso, decide investigar o caso, e mentres, escribe un libro coas pistas que vai atopando. Pero a investigación vese interrompida cando o seu pai lle quita o libro, polo que Christopher intenta buscalo, ata atopalo nun armario. Aí tamén acha  unhas cartas que lle enviou súa nai, que supostamente falecera. Ao saber  que ela estaba viva, Christopher decide marchar da casa , e emprende unha “aventura” na cal aprende a superarse enfrontándose a diversas dificultades. Como temas secundarios aparecen  tamén o misterio da morte do can e as relacións persoais.

O personaxe máis destacable da novela é un rapaz autista, que ademais de ser o protagonista, tamén é o narrador da historia. A peculiaridade deste é que, ao padecer unha discapacidade, o lector pode facerse unha idea de como percibe a realidade unha persoa que a posúe, e as dificultades e retos que lle supón no día a día. Ademais, este pode comparalo coa súa forma de ver a realidade, e darse conta de como o que para unha persoa sen ningún tipo de discapacidade é algo normal, para outra pode supoñer un gran reto.

Persoalmente gustoume bastante esta novela, aínda nun principio resulta sorprendente o feito de que o narrador sexa “peculiar” . Ademais de que é un trazo que non se pode deducir lendo o título da obra. Por outra parte, isto desemboca nunha aprendizaxe sobre o autismo dunha maneira diferente e entretida, polo que creo que é unha obra que recomendaría a calquera.

                                       Nuria Gómez (2º Bach A)

22 abr 2018

O CURIOSO INCIDENTE DO CAN Á MEDIA NOITE


       Esta novela do escritor británico  Mark Haddon é unha das obras máis coñecidas da literatura contemporánea. Conta a historia dun rapaz de quince anos chamado Christopher que vive co seu pai na cidade de Swindon e que ten síndrome de Asperger, un trastorno do espectro autista. A trama iníciase cando atopa morto o can dunha veciña e quere investigar as causas do falecemento. Decide, por consello da súa profesora de Educación Especial, anotar todos os descubrimentos nun caderno.  Dese xeito, o lector vai coñecendo datos da súa vida relativos  á realidade cotiá  e  tamén sobre a relación que o dono do can mantiña coa súa nai e o “falecemento” desta. A actitude do  pai  determina a sucesión dos acontecementos ata chegar a un sorprendente desenlace que non imos desvelar.

O curioso incidente do can á medianoite é un libro que nos ofrece momentos de humor mesturados coa intriga detectivesca, pero, sobre todo, o que destaca é a grande sensibilidade e a visión da perspectiva  da realidade que ofrece o protagonista.

Nas sesións que lle dedicamos a esta obra falamos das relacións entre os pais e os fillos e das consecuencias que pode implicar a nivel emocional a ruptura da unidade familiar. Tamén tratamos o tema do Asperger e do que aprendemos coa lectura da obra sobre esta síndrome. Xurdiron comentarios sobre personaxes de ficción como Sherlock Holmes ou Sheldon Cooper (Big Bang Theory) que presentan características que encaixan perfectamente nese perfil. Soen ser persoas extremadamente intelixentes que perciben a realidade dun xeito peculiar. Adoitan presentar dificultades para comprender o comportamento humano e, moitas veces, teñen dificultades para relacionarse.  

 Os comentarios sobre o libro foron moi diversos: para algúns, o comportamento do rapaz resultaba ás veces un pouco exasperante; a outros, o feito de que o protagonista fose un mozo con Asperger resultoulles moi interesante e valoraron  moi positivamente a posibilidade que a narración ofrece de coñecer un pouco mellor como funciona a mente destas persoas. A mestura de elementos presentes na obra: amor, rexeitamento, misterio, diversión... constrúe unha narración moi  estimulante e pouco convencional. Como curiosidade, destacouse o feito de que non hai capítulos pares, todos son impares, feito este determinado por unha das moitas obsesións do protagonista.

Rematamos recomendando a lectura dunha obra singular, orixinal, entretida, emotiva e enriquecedora.

 Lucía  Vigo, Jinlei Dong e Cristian Morandeira

2 jun 2017

O CURIOSO INCIDENTE DO CAN A MEDIANOITE


          Christopher Boone é o protagonista  desta novela de M. Haddon. O rapaz  ten 15 anos e coñece todos os países do mundo, as súas capitais e cada número primo ata 7.057. Encántanlle as matemáticas, relaciónase ben cos animais, pero non ten a comprensión das emocións humanas. Non soporta que o toquen e busca sempre a rutina, a orde e previsibilidade no seu día a día, xa que iso faille sentirse seguro e a salvo.

        A anterior descrición corresponde a un neno con Síndrome de Asperger, un subtipo de Autismo comprendido dentro do espectro autista, cuxas características principais son a dificultade na interacción social, afectividade e comunicación, falta de empatía e de sensibilidade cara aos demais, tendencia ao egocentrismo, inxenuidade e credulidade, falta de coñecemento dos límites e das normas sociais, así como os intereses restrinxidos e repetitivos.

      Tamén Christopher presenta certa obsesión pola rutina, a orde e por converter en rituais actos cotiáns. A diferenza principal entre a Síndrome de Asperger e os demais subtipos do espectro autista é que estas persoas non presentan un atraso na súa intelixencia, sendo ás veces superior á media, como no caso dos autistas de alto funcionamento. 

       Na novela, vive co seu pai, separado da nai: ela escríbelle a miúdo, pero o pai agocha as cartas e faille pensar que ela está morta. Cando descobre a verdade, o rapaz marcha da casa na busca desa figura tan importante na súa vida: proponse chegar a Londres e consígueo, demostrándolles aos demais e a si mesmo a súa capacidade para enfrontar problemas.

- O momento que máis me gustou do relato foi o reencontro coa nai, porque non podía imaxinar que se abrazaran. Iso en Cristopher quere dicir moito.       María Casal (1º Bac A)

- Deixoume sorprendida o momento en que o rapaz atopa no armario do pai as cartas que súa nai lle fora enviando: iso é o que o impulsa a marchar, mostrando unha grande valentía. Sentín moito rechazo polo pai nese momento.                             Patricia Vázquez    (1º Bac A)

- O final gustoume moito: Cristopher medrou ao longo da novela, agora sabe que é  quen de lograr os obxectivos que se propoña. É un personaxe que atrae moito, é case imposible non empatizar con el.                                  Marta Varela (1º Bac B)