30 abr 2018

FALANDO SOBRE A CAIXIÑA DOS RANCORES


Imaxe relacionada         Neste mes que agora remata,  os fendetestas de 3º de ESO vimos de  ler A caixiña dos rancores, de Héctor Cajaraville. Trátase dunha novela na que o protagonista, un rapaz que vén de rematar Bacharelato, atropela coa súa moto unha anciá -Chiruca-. A xuíza Felpeto imponlle ao rapaz, como condea, acompañar á víctima do atropelo durante o mes de xullo un par de horas polas tardes. Estevo, que así se chama o mozo, cumpre a obriga imposta e vai coñecer, por boca de Chiruca, unha curiosa historia do seu pasado: a muller, que vive soa, quedou viúva ben nova e deu a luz pouco despois un rapaz que naceu morto, pero que ela non chegou a ver. Este feito vai desencadear unha investigación por parte de Estevo e de Paula -a súa moza-, que destapará un feito formidable: Chiruca non tivo un fillo, senón unha filla e está viva, aínda que a anciá non imaxine tal cousa...

       A novela resultounos de lectura fácil: pensamos que mesmo lle sobran páxinas, pois algunha parte do relato podería desaparecer e non pasaría nada relevante para o desenvolvemento da acción (por exemplo, o relacionado co traballo da nai do protagonista). Os aspectos que máis destacariamos nesta historia son os seguintes: 


- A presenza de personaxes novos, que conectan con nós. 

- A orixinalidade de presentar unha relación de amizade entre un mozo e unha muller que podería ser a súa avoa. 

- A temática do rapto de rapaces ao nacer durante a época franquista, cunha total indefensión das pobres nais, moitas veces solteiras ou viúvas (coma Chiruca) e con pouca formación para protestar ou investigar. 

- A participación no relato  dunha xuíza que dicta sentenzas exemplares. Este elemento temático serviunos para falar da xustiza na sociedade actual e levounos a coñecer ao xuíz Calatayud, coñecido polo enfoque "práctico", "humano" e "socializador" das súas sentenzas. Aquí vos deixamos un vídeo no que se presenta o seu traballo e o seu perfil humano. 


     

Agora só nos queda agardar o encontro co autor da novela, ao que esperamos recibir no noso IES antes do remate deste curso. 






No hay comentarios:

Publicar un comentario