Os Fendetestas de 2º de ESO escolleron para este primeiro trimestre do curso a novela de John Boyne que leva por título El niño en la cima de la montaña. A elección estivo condicionada pola lectura o curso anterior da famosa novela do mesmo autor O neno co pixama a raias.
El niño en la
cima de la montaña
cóntanos a historia de Pierrot, un neno que pasa os primeiros anos
de vida en Paris onde vive coa súa nai viúva, xa que o pai (un
soldado alemán) morrera nun accidente de tren. Alí nace unha
amizade íntima con Anshel, un neno xudeu co que comparte xogos e
ilusións. Cando falece a nai de tuberculose é enviado a unha casa
de acollida onde permanece ata que a irmá do seu pai, Beatrix
decide facerse cargo del e levalo a unha luxosa casa de campo onde
ela traballa como ama de chaves. A casa é o Berghof, a residencia
de vacacións que Adolf Hitler ten nos Alpes de Baviera.
Pierrot pasará a chamarse Pieter e o cambio de nome
será un símbolo que anticipa o que serán os seus pensamentos e
ideoloxía. O contacto persoal con Hitler e coa ideoloxía nazi van
cambiando o carácter do neno no seu paso da infancia á adolescencia
e transformándoo nunha persoa cruel e insensible. Ao final da
guerra Pieter regresa a París onde, vendo a realidade dende un
punto de vista diferente, consegue atoparse co seu amigo xudeu da
infancia.
Nas reunións que tivemos para falar do libro comentamos
que nos interesaba moito a II Guerra Mundial e, coa finalidade de
entender mellor o que pasou nesta época tan terrible da nosa
historia, fixemos unha pequena investigación sobre Hitler e o
Holocausto.
Así soubemos que Hitler fora maltratado polo seu pai
cando era un adolescente, e que dende moi novo tiña interese polos
libros de historia e da mitoloxía alemá. Foi elixido como máximo
dirixente do Partido Nacional Socialista e, en 1933, foi escollido
democraticamente como xefe de goberno. Instaurou unha ditadura, un
réxime totalitario onde se exaltaba a superioridade racial. Fixo
amizade con outros ditadores como Franco e Mussolini. O seu
obxectivo era establecer o poder da Alemaña Nazi en toda Europa.
Invadiu Polonia e atopouse coa oposición de Francia e Reino Unido.
Comezou así a Segunda Guerra Mundial. Nos dous primeiros anos,
Alemaña venceu aos seus oponentes pero, finalmente a Unión
Soviética e Estados Unidos derrotaron a Hitler en 1945.
Tamén
investigamos un pouquiño sobre o Holocausto. Foi
o xenocidio ou asasinato en masa de case seis millóns de xudeus europeos. A
única causa destas mortes foi a pertenza á raza xudía. A ideoloxía
que impulsou a realizar estes asasinatos, foi a de querer conseguir a
reestruturación racial de Europa, formando unha “raza pura alemá”,
que controlase o mundo.
Ademais
cómpre ter en conta que a persecución e o asasinato dos xudeus non
se desenvolveu exclusivamente en Alemaña ou nos distintos campos de
exterminio, senón que tamén tivo lugar en Rusia, Europa Oriental e
na península balcánica, onde levaron a cabo múltiples matanzas en
fosas, bosques, barrancos e trincheiras. Algunhas cifras que se
barallan chegan aos once millóns de persoas falecidas.
Respecto
á lectura do libro de John Boyne, todos estivemos de acordo en que é
unha lectura moi entretida e intrigante. A pesar de que a acción
non é o máis importante consegue manter un ritmo que fai que a
lectura sexa moi rápida. O que máis comentarios provocou foi o
final. Algúns estaban moi convencidos de que era perfectamente
comprensible o cambio de actitude de Pierrot. Outros, pola contra,
cuestionaban as casualidades dos encontros e pareceulles un pouco
falto de realismo. De todos os xeitos a conclusión final foi que é
unha lectura moi recomendable para entender unha época terrible da
historia da humanidade que esperamos que nunca se volva a repetir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario