19 dic 2019

ENDEREZO DESCOÑECIDO

 

      En menos de 70 páxinas, Katherine Kressman, amósanos como a gran amizade existente entre Martin Schulse (alemán) e Max Eisenstein, estadounidense de orixe xudía, se desfai á par que avanza o nazismo. As vidas dos dous amigos, socios nunha galería de arte en California, experimentan un gran cambio cando o primeiro deles decide regresar á súa Alemaña natal. A correspondencia que manteñen dende 1932 ata 1934 vainos narrando o ascenso ao poder de Hitler e a progresiva manipulación ideolóxica que desembocou no terrible holocausto nazi.
      Os Fendetestas de 3º da ESO comezaron a lectura de Enderezo descoñecido atraídos pola brevidade da obra e sen demasiadas expectativas de atopar unha historia interesante. Ao pequeno desconcerto das primeiras páxinas seguiu unha lectura intensa e emocionante que logrou sorprender, conmover e tamén indignar.
      Na sesión que lle dedicamos a comentar o libro de Katherine Kressman contextualizamos a época histórica onde se desenvolve a trama falando da chegada ao poder de Hitler. Lembramos como despois dunha época de crise económica el capitalizou o descontento xeralizado na sociedade alemá e foi elixido como Führer. O libro, utilizando o intercambio epistolar entre os dous amigos, trasládanos aos momentos previos á chegada ao poder do nazismo con Adolf Hitler á cabeza. A acción sitúase na fase final do período de entreguerras tratando de saír da fase da Gran Depresión. Nos EE.UU, despois dun período de bonanza económica, estala a peor crise económica da súa historia, tras o crack de Wall Street en 1929. Mentres, Alemaña continúa asfixiada economicamente e humillada moralmente polos tratados de paz da I Guerra Mundial. Desemprego, fame e miseria teñen atenazados aos alemáns que ven a solución aos seus problemas en Adolf Hitler.
      Tamén comentamos o significado da palabra Holocausto e como pasou a asociarse coa matanza masiva de seres humanos e a ser escrito con maiúsculas despois da II Guerra Mundial. Para darnos unha idea da dimensión da traxedia incorporamos o dato do número de xudeus que foron asasinados nas cámaras de gas: uns seis millóns de persoas (máis do dobre da poboación actual de Galicia). De todos os xeitos este é un dato aproximado, pénsase que é posible que o número aumente ata os once millóns de falecidos.

    
      Despois de contextualizar historicamente a época procedemos a comentar as impresións que a lectura do libro nos deixou. Algúns apuntaron que ao comezo non entendían moi ben a relación entre os dous personaxes pero, a medida que ía avanzando a narración fóronse enganchando coa trama. Cando Martin lle di a Max que non quere seguir intercambiando cartas con el polos problemas que lle pode carrexar a súa amizade cun xudeu este non entende o cambio de actitude do seu amigo. A evolución do pensamento de Martin e a crueldade coa que se comportou con Griselle (a irmá de Max) deixándoa soa ante a súa tráxica sorte provocan un xiro radical. Max comeza a enviarlle unhas mensaxes aparentemente encriptadas para facer crer á censura que o alemán era un traidor. Segundo avanzamos na lectura decatámonos da facilidade de manipulación ideolóxica deste novo líder político que acabará arrastrando a medio mundo a unha nova guerra mundial que deixará unha fonda pegada na historia da humanidade con feitos como o Holocausto xudeu.
      Respecto ao final as opinións foron bastante unánimes: en xeral agradou que se fixese xustiza e que Martin tivese o castigo merecido polo seu cruel e insensible comportamento. De todos os xeitos, algúns comentaron que lles gustaría saber exactamente cal foi o seu destino e se sufriría na mesma medida que el causou sufrimento coa súa actitude. A omisión de axuda a Griselle, a irmá de Max, foi o detonante que marcou o seu alienamento coa causa nazi na súa persecución contra os xudeus. A decepción e a imposibilidade para comprender o seu xeito de actuar foron outro dos aspectos que provocaron máis comentarios. Para rematar podemos dicir que Enderezo descoñecido nos pareceu unha obra moi expresiva, porque consegue, en poucas paxinas, contar unha historia moi completa e amosarnos a personalidade dos personaxes. 
 
      Recollemos algunhas impresións sobre o libro:
Escollín este libro porque tiña moito interese en saber o que pasara na Segunda Guerra Mundial. Ademais chamoume moito a atención o título e a data en que foi publicado. Para min foi unha lectura interesante, entretida, emocionante, triste e intrigante.
                                                                                Ánxela Roca

Este libro pareceume emocionante a pesar da súa brevidade, porque, aínda que é moi curto, logra poñerte en tensión, enfadarte e sobre todo entristecerte. Pareceume moi interesante ver a través das cartas como o personaxe de Martin vai modificando a súa maneira de pensar e acaba odiando ao seu mellor amigo e incluso deixando que maten á súa irmá. 
                                                                                                                     Nuno Couso








No hay comentarios:

Publicar un comentario