12 dic 2019

DEIXE A SÚA MENSAXE...


      A lectura de Deixe a súa mensaxe despois do sinal  de Arantza Portabales deixounos moitas e variadas impresións. As historias de catro mulleres narradas a través das mensaxes deixadas a un contestador telefónico son relatos de soidade e incomprensión.  Marina, Carmela, Sara e Viviana introdúcenos no seu mundo cotiá e conseguen que nos identifiquemos, en maior ou menor medida, cos seus sentimentos.  E, a pesar de que son historias tristes, conseguen que fagamos unha lectura positiva e construtiva que contribúe a ver as circunstancias adversas como un reto do que sempre se pode sacar algo positivo.

   
      O que máis nos chamou a atención foi, sen dúbida, a orixinal presentación das personaxes e o xeito de comunicarse que teñen.  A pesar de que ó comezo pode resultar para algúns lectores pouco atentos un pouco lioso e confuso, rapidamente son individualizadas as catro tramas e adquiren  consistencia. A relación entre elas vaise dosificando paseniñamente conseguindo que as historias adquiran maior emoción e acrecentando o interese pola lectura. Destacou especialmente a implicación coa personaxe de Carmela que representa a vontade de superación e a positividade ante as situacións adversas que a vida  depara.   É, sen dúbida, unha personaxe con luces e sombras que presenta contradicións que lonxe de cuestionar a  súa credibilidade reafirman a súa humanidade e a súa capacidade para errar e recoñecelo.

      Recollemos algúns dos comentarios:
 Deixe a súa mensaxe… conta a historia de catro mulleres que, a aínda estando soas, puideron superar os seus medos  e aceptar o seu destino.
Xoana  Ares
O máis  destacable foi  o segundo significado das historias: o silencio da muller na sociedade, a escasa valoración do que se posúe, a velocidade coa que se pretende vivir ou os abusos sufridos polas mulleres.
 Martín  Pérez
 O libro demóstranos que non todo na vida é sinxelo pero que é necesario loitar polo futuro para conseguir ser felices.
 Yaiza Grandío
A autora trata con moito acerto as relación e os sentimentos  a través dunha linguaxe clara e accesible que achega  o lector a cada unha das protagonistas.
 Lois Couso
 Aínda que o argumento me pareceu moi interesante e a forma de narralo moi orixinal, teño que dicir que  hai certas relación que me parecen excesivamente romantizadas. Creo que o tema da prostitución está un pouco banalizado na obra. A situación nos burdeis é infinitamente peor do que aparece reflectido  na narración.
 Fátima Ramos
A lectura deste libro ensinoume que  a pesar da situación  sempre podemos tentar ser a mellor versión de nós mesmos.
Nadia Fernández
É un libro moi curioso xa que está organizado en  catro historias que trancorren de xeito paralelo nun principio pero que, finalmente, están relacionadas. Tamén me chamou a atención o  medio escollido para  contar as vidas das protagonistas: o contestador. Isto é unha característica común a todas as historias que  lle engade unha gran orixinalidade  á obra.
 María Couceiro

Gustoume moito o orixinal formato escollido pola autora aínda que me  pareceu un pouco complicado de levar a cabo. A forma en que as historias se entremisturan  resultoume moi natural e ben levada, con xeito e sen présas, dunha maneira que consegue sorprender ao lector.
 Marcos Bermejo
Eu destacaría o ritmo e o dinamismo da narración que se relaciona coa brevidade dos capítulos que constitúen cada unha das mensaxes. 
 Mateo Sánchez







     
     
  

No hay comentarios:

Publicar un comentario