Temos que
lamentar o recente pasamento do escritor
chileno Luis Sepúlveda. O autor, afincado en Asturias dende fai anos, faleceu vítima
do coronavirus.
A súa
interesantísima biografía está condicionada polo seu carácter viaxeiro e
itinerante unido ao seu forte compromiso político contra os réximes ditatoriais,
feito que provocou que estivese na cadea durante máis de dous anos. Profesionalmente,
ademais de escritor, foi xornalista e cineasta.
Na súa traxectoria literaria destacou
especialmente a obra Un viejo que
leía novelas de amor, publicada en
1989. Foi traducida a numerosos idiomas e converteuse nun éxito mundial. Inspirada
nunha experiencia biográfica, a novela é un canto de amor ao poder da
literatura e da lectura. A súa mensaxe chegou a lectores de medio mundo que
aprenderon do protagonista da historia, Antonio José Bolivar Proaño, a valorar e
respectar a natureza e as leis da supervivencia, ao mesmo tempo que a
desconfiar e a renegar das actitudes prepotentes.
Sen dúbida será lembrado grazas á inesquecible
e edificante historia que nos deixou como legado de vida e experiencia e pola
que non parecen pasar os anos, como adoita acontecer coas obras mestras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario