Unhas das lecturas deste curso foi O efecto
Frankenstein de Elia Barceló. A suspensión
das clases o pasado 13 de marzo provocou que as sesións presenciais de intercambio
de impresións ficasen interrrompidas. De todos os xeitos, continuamos lendo nos nosos fogares e queremos
compartir os nosos comentarios a través deste blog.
O
efecto Frankestein narra a relación entre
unha rapaza chamada Nora e un mozo chamado Max. Ambos estudan Medicina e a súa
podería ser unha historia de amor coma a
de calquera parella se non fose porque viven en épocas distintas: el, no século
XVIII e ela, na actualidade. Pero imos deixar que sexa a propia autora a que vos
faga un resumo do suxestivo argumento:
O
libro pareceunos moi interesante e entretido. A través da historia de amor que
viven os personaxes podemos facer unha viaxe no tempo na que aparecen moitos
temas que nos dan moito que pensar. Unha obra moi orixinal que nos permite
comparar épocas e ver como foi cambiando a sociedade ao mesmo tempo que
coñecemos a interesantes personaxes e vivimos
con eles apaixonantes situacións.
Recollemos
as impresións de Salma Mariño:
Persoalmente
o libro gustoume moito. A través da lectura pódese imaxinar como era a vida no
século XVIII. Chamoume a atención o machismo e a discriminación que sufrían as
mulleres, os homosexuais ou simplemente as persoas que tiñan algunha
deformidade. Por outro lado, o libro é unha boa maneira de achegarse á figura
da escritora Mary Shelley (autora de Frankestein), xa que esta aparece como un
personaxe máis do libro e atópase coa protagonista.
Paréceme
un libro totalmente recomendable para todas as persoas ás que lles gusten as lecturas
que transcorren noutras épocas e noutros lugares. Animádevos a lelo! Non vos defraudará!
No hay comentarios:
Publicar un comentario