Un dos libros xa clásicos no noso Club é A neta do señor Linh. Ano tras ano repetimos a súa lectura coa seguridade de que a realidade cruel da guerra e as súas terribles consecuencias servirán para decatarnos das dimensións humanas que teñen estes conflitos. Cando os lectores de 4º da ESO escolleron esta obra non comezara a guerra en Ucraína que actualmente conmove ao mundo coas imaxes dos bombardeos e dos refuxiados. Por desgraza, a guerra non é un episodio da historia dun pasado máis ou menos remoto. A crueldade do conflito é unha realidade do noso presente e asistimos como espectadores a historias de traxedias familiares que poderían pasarnos a calquera de nós. Resulta impresionante ver como persoas inocentes e totalmente alleas aos intereses políticos ven alterada a súa vida e teñen que abandonar as súas casas e, ás veces, a parte da súa familia.
Con este terrible contexto de fondo do cadro a lectura da obra de Philippe Claudel resultounos tremendamente conmovedora e máis actual ca nunca. Todos estivemos de acordo en resaltar a orixinalidade da historia e o sorprendente desenlace. A coidada narración, atendendo ao mínimo detalle, fai que despois de chegar ao final nos decatemos de que todas as pezas encaixan. É, sen dúbida, un libro para volver a ler cunha nova visión e atendendo a eses pequenos detalles que nunha lectura inicial poden pasar desapercibidos.
Rematamos destacando que este libro é un canto á esperanza é á capacidade do ser humano para volver a inventarse a pesar das adversidades. A amizade e a solidariedade poden ser unha axuda para volver a atopar un sentido á existencia ante tanta destrución.
Nerea Varela, Laura Vázquez, Julián Merelas, Laura Bermúdez e Enzo García (4º ESOI)
No hay comentarios:
Publicar un comentario