Mostrando entradas con la etiqueta A neta do señor Linh. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A neta do señor Linh. Mostrar todas las entradas

23 mar 2023

SOBRE AS GUERRAS E AS SÚAS CONSECUENCIAS: A NETA DO SEÑOR LINH

      

    A pantasma da guerra volve, por desgraza,  a estar de plena actualidade. O libro de Philippe Claudel ofrécenos  un fermoso e cruel relato sobre as consecuencias dos conflitos bélicos. Dous booktrailers realizados por Pablo Astray e Gloria Iglesias animan á lectura deste libro convertido xa nun clásico imprescindible no noso club de lectura.

 




12 ene 2023

A NETA DO SEÑOR LINH: UNHA HISTORIA SORPRENDENTE E CONMOVEDORA

 

A novela de Philippe Claudel preséntanos unha historia que pode ter varias lecturas: por un lado a traxedia dos refuxiados ou fuxidos das guerras e, asemade,  a das persoas que se senten soas e que buscan desesperadamente un motivo polo que vivir.

O señor Linh chega a un país indeterminado fuxindo dunha guerra que tampouco se especifica. A historia non ten relevancia como un feito concreto senón que pretende recoller a universalidade do sufrimento,  xa que, tal e como o propio autor a define, a novela é “ un canto universal á tolerancia”.

Son moitos os temas que aparecen ao longo das  páxinas: o exilio, a soidade, a vellez,  a loita pola propia identidade, a supervivencia, a amizade, a bondade...

A neta que o acompaña no exilio simboliza a identidade, o vínculo co pasado que lle foi arrebatado e, ao tempo, o futuro esperanzado, o desexo de recuperar as ganas de vivir.

Unha novela moi especial cun final sorprendente, a partir do cal todo adquire un significado e unha interpretación diferente. Merece, sen dúbida, unha relectura onde se observan eses pequenos detalles que na primeira pasan desapercibidos.


A neta do señor Linh
pareceunos unha novela sorprendente, conmovedora, triste e concienciadora.  Totalmente recomendable.

                             Martina, Candela, Karla, Selma e Lucía

18 mar 2022

SOBRE AS GUERRAS E AS SÚAS CONSECUENCIAS...

  Un dos libros xa clásicos no noso Club é A neta do señor Linh. Ano tras ano repetimos a súa lectura coa seguridade de que a realidade cruel da guerra e as súas terribles consecuencias servirán para decatarnos das dimensións humanas que teñen estes conflitos. Cando os lectores de 4º da ESO escolleron esta obra non comezara a guerra  en Ucraína que actualmente conmove ao mundo coas imaxes dos bombardeos e dos refuxiados. Por desgraza, a guerra non é un episodio da historia dun pasado máis ou menos remoto. A crueldade do conflito é unha realidade do noso presente  e asistimos como espectadores a historias de traxedias familiares que poderían pasarnos a calquera de nós. Resulta impresionante ver como persoas inocentes e totalmente alleas aos intereses políticos ven alterada a súa vida e teñen que abandonar as súas casas e, ás veces, a parte da súa familia.

Con este terrible contexto de fondo do cadro a lectura da obra de Philippe Claudel resultounos tremendamente conmovedora e máis actual ca nunca.  Todos estivemos de acordo en resaltar a orixinalidade da historia e o sorprendente desenlace. A coidada narración, atendendo ao mínimo detalle, fai que despois de chegar ao final nos decatemos de que todas as pezas encaixan. É, sen dúbida, un libro para volver a ler cunha nova visión e atendendo a eses pequenos detalles que nunha lectura inicial poden pasar desapercibidos.

Rematamos destacando que este libro é un canto á esperanza é á capacidade do ser humano para volver a inventarse a pesar das adversidades. A amizade e a solidariedade poden ser unha axuda para volver a atopar un sentido á existencia ante tanta destrución.

Nerea Varela, Laura Vázquez, Julián  Merelas, Laura Bermúdez e Enzo García (4º ESOI)

 

22 dic 2020

RECENSIÓN: A NETA DO SEÑOR LINH

       

       A neta do señor Linh é unha novela xuvenil de Philippe Claudel, docente e escritor francés, autor de varias novelas, como As almas grises e O informe Brodeck. Tamén escribe relatos, ensaios e guións de cine e televisión, como a película Hai moito tempo que te quero, da que é guionista e director.


 

            O señor Linh abandona a súa terra xunto á súa neta Sang Diu, e tras semanas de viaxe en barco, chega a un país, posiblemente Francia, onde non coñece a ninguén, e tampouco a lingua que se fala. Ambos, son levados a un piso de acollida, do que o ancián nunca sae, ata que unha mañá decide facelo. É aí cando coñece ao señor Bark, que senta xunto a el nun banco, e lle fala mentres fuma un cigarro, a pesar de non entenderse. Esta situación repítese, ata formarse unha rutina que os leva a unha bonita amizade. O señor Bark, o señor Linh e Sang Diu pasan todas as tardes xuntos, ata que un día, os servizos sociais levan a estes dous últimos a un hospicio o cal non está autorizado a abandonar. Pero o valor e a determinación do ancián lévano a un inesperado e conmovedor desenlace.

            Como podemos observar, esta fábula trata principalmente o exilio e a soidade, pero tamén aborda outros temas secundarios como a amizade e a bondade.

            Tamén, cabe destacar ao personaxe do señor Linh, un ancián que escapa da guerra, motivado por darlle a unha mellor vida á súa neta Sang Diu, que realmente é unha boneca, xa que a neta está morta. O feito de que el non vexa esa realidade, pode recordarnos ó personaxe de Don Quixote, xa que ambos teñen unha loucura, que os leva a unha realidade paralela, polo que só ven o que a súa mente lles permite. Por outra parte, o señor Linh tamén é loitador, valente e bondadoso.


 

            Persoalmente, creo que esta fábula é moi boa, xa que mostra as graves consecuencias dunha guerra, e como ás veces só necesitamos ser escoitados por alguén. Creo que o que máis me gustou é que Sang Diu sexa en realidade unha boneca, xa que ao finalizar a obra, o lector dáse de conta de que durante toda a obra houbo indicios deste feito, pero que quizais pasaron desapercibidos para nós; polo que se a volvésemos ler, veríamos que hai coma dous relatos, o que ve o señor Linh, fronte á realidade.

            Recomendaríalla a calquera persoa, xa que a pesar de ser para un público xuvenil, creo que podería ser axeitada para todas as idades, xa que nos ensina que debemos ser bondadosos, e loitar sempre para ter unha vida mellor.  

 

                                                                                            NURIA GÓMEZ (1º BACH A)

13 dic 2017

A NETA DO SEÑOR LINH



     Un ancián foxe da guerra  a un país occidental acompañado da  única supervivente da súa familia: a súa neta, un bebé chamado Sang Diu (Mañá doce). A sensación de  desprotección que experimenta  o protagonista nun país e nunha cultura allea acrecéntase polo descoñecemento total  do idioma.  Dorido e triste, o ancián é  instalado nun piso de refuxiados,  onde non consegue conectar cos seus compatriotas que parecen observalo  de xeito estraño chegando incluso a burlarse del. Neste mar de illamento e soidade,  nun paseo pola cidade estraña e ameazante, coñece a un home viúvo (o señor Bark) e  ambos conseguen, a pesar da barreira do idioma,  iniciar unha sólida amizade.  Posteriormente o señor Linh é trasladado  a un centro psiquiátrico e este feito provoca que perda o contacto co seu novo amigo. Finalmente conseguen reencontrarse, pero a historia tennos reservado un sorprendente desenlace.

     O libro ofrece dúas lecturas posibles: unha inicial, onde determinados aspectos da  historia parecen non encaixar completamente  e, unha segunda na que o sorprendente final ofrece unha reinterpretación totalmente coherente.  Preferimos non desvelar a sorpresa, que lle engade un valor incuestionable á historia, dado que algúns dos fendetestas lectores desta obra   non se  decataron  do feito en cuestión ata a sesión onde se realizou a análise conxunta. 



     Jin Lei Dong recoméndanos esta obra de Philippe Claudel a pesar de que lle pareceu tremendamente triste e conmovedora.  Velaquí as súas palabras: A lectura produciume moitos sentimentos negativos de rexeitamento contra a sociedade que permite a existencia das guerras e das graves consecuencias que estas provocan. A parte positiva sería, sen dúbida, a amizade que os dous homes comezan e a esperanza que este feito implica.  Como emigrante que son sentinme moi identificado coa temática  do libro e co personaxe do señor Linh. É moi duro estar nun país que non é o teu, moitas veces sentes como a maioría da xente non se comporta adecuadamente contigo. Eu recomendaría este libro a aquelas persoas que sexan sensibles e que queiran poñerse no lugar dos que sofren.


     Non deixedes de ler esta crúa e fermosa reflexión sobre a soidade, o exilio, as guerras, a vellez... pero tamén sobre  a amizade que simboliza, sen dúbida,  unha luz na escuridade. Un canto á esperanza.

 






23 feb 2015

A MENSAXE DA NETA DO SEÑOR LINH








       

        Os fendetestas de 1º de Bacharelato rematamos nestes días A neta do señor Linh, de Philippe Claudel, unha novela chea de humanidade onde se mesturan as grandezas e as miserias das persoas.



     Un ancián, procedente dun país asiático do cal se ve forzado a fuxir pola guerra, chega a un país occidental para refacer a súa vida. Supostamente trae consigo a súa neta: en realidade é a boneca da rapaza, que morreu xunto con seus pais na guerra. Neste país coñece a un home que acababa de perder a súa muller: a amizade con el, malia non entender a súa lingua, e o coidado da "neta" serán os motores da súa existencia. 
     É curioso que non aparezan referencias espacio-temporais: Claudel busca que a obra sexa intemporal e útil para calquera lector de todas as épocas e lugares. 
     Na nosa opinión esta pequena novela realista é moi recomendable xa que consideramos que recolle a importancia de compartir a nosa vida cos demais. Nin a lingua nin as costumes teñen porque ser un obstáculo para a convivencia pacífica. Fronte a isto o autor coloca aos que fan as guerras e destrúen a felicidade e as ilusións de todos os señores Linh.

     Nas vindeiras semanas coñeceremos a obra Emigrantes,  de Shaun Tan, relacionada tamén coas experiencias do que enfronta, obrigado polas circunstancias da vida, a vida nun lugar novo e lonxe dos seus. 

                                                                                                       Andrea Grobas e Antón Sánchez