Os fendetestas de 1º de Bacharelato rematamos nestes días A neta do señor Linh, de Philippe Claudel, unha novela chea de humanidade onde se mesturan as grandezas e as miserias das persoas.
Un ancián, procedente dun país asiático do cal se ve forzado a fuxir pola guerra, chega a un país occidental para refacer a súa vida. Supostamente trae consigo a súa neta: en realidade é a boneca da rapaza, que morreu xunto con seus pais na guerra. Neste país coñece a un home que acababa de perder a súa muller: a amizade con el, malia non entender a súa lingua, e o coidado da "neta" serán os motores da súa existencia.
É curioso que non aparezan referencias espacio-temporais: Claudel busca que a obra sexa intemporal e útil para calquera lector de todas as épocas e lugares.
Na nosa opinión esta pequena novela realista é moi recomendable xa que consideramos que recolle a importancia de compartir a nosa vida cos demais. Nin a lingua nin as costumes teñen porque ser un obstáculo para a convivencia pacífica. Fronte a isto o autor coloca aos que fan as guerras e destrúen a felicidade e as ilusións de todos os señores Linh.
Nas vindeiras semanas coñeceremos a obra Emigrantes, de Shaun Tan, relacionada tamén coas experiencias do que enfronta, obrigado polas circunstancias da vida, a vida nun lugar novo e lonxe dos seus.
Andrea Grobas e Antón Sánchez
No hay comentarios:
Publicar un comentario