22 dic 2020

RECENSIÓN: A NETA DO SEÑOR LINH

       

       A neta do señor Linh é unha novela xuvenil de Philippe Claudel, docente e escritor francés, autor de varias novelas, como As almas grises e O informe Brodeck. Tamén escribe relatos, ensaios e guións de cine e televisión, como a película Hai moito tempo que te quero, da que é guionista e director.


 

            O señor Linh abandona a súa terra xunto á súa neta Sang Diu, e tras semanas de viaxe en barco, chega a un país, posiblemente Francia, onde non coñece a ninguén, e tampouco a lingua que se fala. Ambos, son levados a un piso de acollida, do que o ancián nunca sae, ata que unha mañá decide facelo. É aí cando coñece ao señor Bark, que senta xunto a el nun banco, e lle fala mentres fuma un cigarro, a pesar de non entenderse. Esta situación repítese, ata formarse unha rutina que os leva a unha bonita amizade. O señor Bark, o señor Linh e Sang Diu pasan todas as tardes xuntos, ata que un día, os servizos sociais levan a estes dous últimos a un hospicio o cal non está autorizado a abandonar. Pero o valor e a determinación do ancián lévano a un inesperado e conmovedor desenlace.

            Como podemos observar, esta fábula trata principalmente o exilio e a soidade, pero tamén aborda outros temas secundarios como a amizade e a bondade.

            Tamén, cabe destacar ao personaxe do señor Linh, un ancián que escapa da guerra, motivado por darlle a unha mellor vida á súa neta Sang Diu, que realmente é unha boneca, xa que a neta está morta. O feito de que el non vexa esa realidade, pode recordarnos ó personaxe de Don Quixote, xa que ambos teñen unha loucura, que os leva a unha realidade paralela, polo que só ven o que a súa mente lles permite. Por outra parte, o señor Linh tamén é loitador, valente e bondadoso.


 

            Persoalmente, creo que esta fábula é moi boa, xa que mostra as graves consecuencias dunha guerra, e como ás veces só necesitamos ser escoitados por alguén. Creo que o que máis me gustou é que Sang Diu sexa en realidade unha boneca, xa que ao finalizar a obra, o lector dáse de conta de que durante toda a obra houbo indicios deste feito, pero que quizais pasaron desapercibidos para nós; polo que se a volvésemos ler, veríamos que hai coma dous relatos, o que ve o señor Linh, fronte á realidade.

            Recomendaríalla a calquera persoa, xa que a pesar de ser para un público xuvenil, creo que podería ser axeitada para todas as idades, xa que nos ensina que debemos ser bondadosos, e loitar sempre para ter unha vida mellor.  

 

                                                                                            NURIA GÓMEZ (1º BACH A)

No hay comentarios:

Publicar un comentario