A lectura de O corazón de Xúpiter de Leticia Costas resultounos moi interesante e entretida. A historia céntrase nunha rapaza chamada Isla que acaba de cambiar de cidade e, polo tanto, chega nova ao instituto. Faise amiga de Mar e Anxo ao tempo que comeza a ser acosada por un tal Carballo. A relación cos seus pais é bastante distante e ela non parece confiar moito neles. A saída aos seus problemas atópaa na amizade que mantén a través de Internet cunha persoa que se fai chamar Xúpiter coa que comparte a súa afección pola astronomía. Isla obsesiónase coa esta relación e decide quedar con el para coñecelo en persoa. A sorpresa non pode ser máis desagradable: Xúpiter é realmente un home maior desequilibrado que asasinou á súa nai. A historia remata traxicamente coa morte de Isla. Os seus amigos quedan desolados e cunha terrible sensación de impotencia por non ter podido evitar o tráxico desenlace.
Os perigos das amizades a través das redes sociais é o eixo central do libro. Pero nas sesión que dedicamos a falar da obra tamén destacamos a cantidade de temas secundarios, non por iso menos importantes, presentes: a integración social, o acoso, a diversidade sexual, a amizade, o sexting ou as relacións entre pais e fillos son algúns dos que máis nos chamaron a atención.
O personaxe de Carballo fíxonos pensar sobre o problema do acoso dende un novo punto de vista: as difíciles circunstancias que teñen que vivir algúns rapaces no seu contorno familiar que provocan actitudes deste tipo. É dicir, ante os casos de acoso temos que saber enfrontarnos á situación pero debemos ter en conta que as persoas que acosan aos otros ás veces fanno porque teñen problemas. Tamén nos chamou a atención o tema das drogas e como Isla se ve “obrigada” a probar por falta de personalidade e de decisión.
Todos coincidimos en que o final nos
pareceu moi tráxico e inesperado. A lección que está presente no libro é que
temos que ter moito coidado coas persoas que coñecemos a través das redes
sociais porque ás veces as cousas non son o que parecen. Outra conclusión que
sacamos da lectura desta novela é que debemos valorar e querer moito á xente que
nos rodea xa que nun instante todo pode cambiar.
Teresa, Carla, Sara, Berta, Noa, Iago e Xacobe (2º ESO B)
No hay comentarios:
Publicar un comentario