Mostrando entradas con la etiqueta Anagnórise. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Anagnórise. Mostrar todas las entradas

23 jun 2018

RECENSIÓN DE ANAGNÓRISE


      Fátima Ramos, de 3º ESO B, achéganos unha recensión da novela máis famosa de María Victoria Moreno (autora homenaxeada no Día das Letras 2018).


     Anágnorise é a historia dunha viaxe. Unha viaxe en coche desde as Rías Baixas ata Madrid vai provocar unha serie de cambios na forma de vivir e de pensar de Nicolau Arís, todos eles grazas á muller que o recolleu cando este estaba facendo autostop. Ela mostraralle unha nova maneira de ver as mulleres, a súa vida e os textos que el mesmo escribe. Cando chegan ao seu destino, os camiños de ambos sepáranse e o rapaz queda cuns amigos nunha vivenda de reducidas dimensións onde entrega a carga que levaba consigo: hachís. Pero rapidamente satúrase do ambiente e da convivencia cuns ionquis e vai ó hotel onde se hospedaba a muller que o levou no coche. Alí cóntanlle que ela morrera nun accidente de coche en Granada, motivo polo cal volve a Galiza para ir ao enterro. Alí sofre unha anagnórise: descobre que Natalia (a rapaza da que estaba namorada e coa que estaba enfadado por culpa dun dos seus "amigos", Marcos Piñeiro, quen lle dixera que ela  lle fora infiel con el) era a filla da muller que o acompañou na súa viaxe. Os dous mozos fan as paces ante a tumba da nai dela. Nun emotivo momento Nicolau di: "Natalia e máis eu, por primeira vez na nosa vida, estabamos no mesmo mundo. Chorabamos pola mesma razón, recordabamos un mesmo pasado e sentiamos onda nós a presenza da mesma persoa. Natalia e mais eu, por primeira vez na nosa vida, estabamos no mesmo mundo e os nosos corpos aboiaban no orballo que cheiraba a silveiras florecidas".



      Anágnorise non é unha novela que se poida pasar por alto. A beleza da escolla léxica, as preciosas frases que María Victoria Moreno escribe poden emocionar a calquera. Cada parágrafo é como unha pequena obra de arte: busca a perfección léxica e narrativa. O argumento da novela é orixinal e sen estereotipos. A historia é emotiva e profunda. Trata moitísimos temas: o amor, a morte, o loito, o sufrimento, a traizón, o machismo, a homofobia, a droga, etc. As referencias que fai a autora ó longo da novela parecéronme fermosas  e están moi ben escollidas. Destaco especialmente a do mito dos andróxenos e a canción de Bowie que acompaña a Nicolau e Xulia na viaxe. Esta  é unha das cancións que máis me gustan  deste cantante (sobre todo pola versión que fixo Nirvana no seu disco MTV Unplugged). Sen dúbida, este é un libro que recomendaría a calquera que pense que unha boa novela non é só unha boa historia, senón aquela que busca ser o máis poética posible.

       Para rematar esta recensión, deixo aquí a parte da novela que máis me gustou:
"-E eu falaba de que hai horas do día nas que todo se transfigura porque as cordas do sentimento se tensan de maneira especial. Son estes momentos de tránsito...
-¿E por que pasa iso?
-Supoño que será porque somos parte  do universo e vivimos encadeados ao seu acontecer."
                                    
                                                                                                                                       Fátima Ramos