Mostrando entradas con la etiqueta Andrea Maceiras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Andrea Maceiras. Mostrar todas las entradas

18 ene 2021

ANDREA MACEIRAS, PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA 2020

        Andrea Maceiras é unha escritora ben coñecida no noso centro. En dúas ocasións tivemos a sorte de poder contar coa súa presenza para compartir impresións sobre os seus libros. O ano pasado foi galardoada co Premio dos Clubs de Lectura. O recoñecemento sorprendeunos en pleno confinamento restándolle así unha certa relevancia de xeito inmerecido.


     A pesar de que xa estamos no 2021 queremos salientar o seu interese e dedicación  tanto aos espazos comúns que son as bibliotecas como a eses medios de encontro que chamamos clubs de lectura. Gustounos moito o seu discurso e queremos compartilo e difundilo aos catro ventos. Parabéns, Andrea! Grazas por compartir a ilusión e a maxia da lectura con nós!

 

8 may 2019

ENCONTRO LITERARIO


        O pasado luns recibimos no IES de Curtis a Andrea Maceiras nun encontro organizado polo Departamento de Lingua Galega e o Club de Lectura. Con ela puidemos conversar sobre dúas das súas obras máis coñecidas: Europa Express e O que sei do silencio.  
       Os rapaces e rapazas de 3º intercambiamos impresións coa autora sobre a primeira das novelas. Comezamos a sesión cunha presentación relacionada coa obra coa que nos explicou o que era un spin off (narracións que  derivan das obras orixinais, convertendo un personaxe secundario en protagonista). Contounos que a idea de narrar as vivencias duns rapaces que fan un percorrido por Europa en Interrail ao rematar 2º de Bacharelato tiña un certo compoñente autobiográfico. Falamos das amizades, das viaxes e dos perigos das drogas.  

Na segunda sesión, os Fendetestas de 4º ESO e 1º Bach conversamos sobre o acoso escolar e como a necesidade de integración social que todos temos pode facernos permitir determinadas condutas  ou comportamentos incorrectos. A escritora fixo que nos puxeramos na pel dos acosadores  para decatármonos de como todos podemos sentirnos identificados, en maior ou menor medida, con eles.  Ao igual que en Europa Express, a  autora fixo referencia ao feito de que a obra tomaba como base unha historia real que a impresionou especialmente.

Falamos da relación da literatura co cinema e compartimos impresións sobre determinadas lecturas e series que nos interesaron.  Comentounos que comezou escribíndolle contos á súa irmá pequena  e que se sentía especialmente identificada coa literatura infantil e xuvenil. 
        Resultou tamén interesante o percorrido que fixo arredor do proceso creativo e das fases previas á publicación das súas novelas: incidiu no tempo que leva darlle vida a unha idea para transformala nunha historia. Con posterioridade á redacción, sucédense unha serie de fases que moitas veces non son advertidas polo lector: correccións, elección do titulo, da cuberta, ilustracións...Ardua tarefa, polo tanto, a do escritor. 
Sen dúbida un encontro moi interesante e produtivo que nos fixo reflexionar sobre diversos temas. Queremos destacar que Andrea Maceiras nos conquistou coa súa simpatía e amabilidade e agradecémoslle  unha vez máis  o seu tempo e dedicación. 

3 may 2019

ANDREA MACEIRAS



 
   

12 mar 2019

ANDREA MACEIRAS

      
     O vindeiro luns, 18 de marzo, faremos un alto entre exame e exame para manter un encontro literario coa escritora Andrea Maceiras. Esta será a segunda vez que teñamos a honra de recibila no noso centro, pois xa estivo no IES de Curtis fai uns anos para falarnos de O segredo do lagarto arnal.  
      Nesta ocasión, o alumnado de 3º da ESO asistirá a  unha sesión dedicada á obra Europa Express. Posteriormente a rapazada do Club de Lectura de 4º ESO e 1º de Bacharelato compartirá impresións coa autora sobre a súa última novela: O que sei do silencio.
     Agardamos impacientes a súa visita!