Mostrando entradas con la etiqueta Excursión Club de Lectura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Excursión Club de Lectura. Mostrar todas las entradas

19 jun 2025

RUTA LITERARIA POLA TERRA CHÁ (CASA MUSEO DE MANUEL MARÍA)

      Pechamos o curso coa excursión do  Club de Lectura. A ruta escollida nesta ocasión levounos a Outeiro de Rei para visitarmos a Casa Museo de Manuel María. Alí puidemos escoitar as marabillosas explicacións de Antón que nos achegou á vida e obra do escritor chairego. Despois de visitar a casa onde Manuel María pasou a súa infancia e adolescencia, dirixímonos ata a área de Santa Isabel, un impresionante espazo natural onde conflúen os ríos Miño e Ladra.

        Velaquí a crónica audiovisual do día. A música escollida para acompañar as imaxes desta xornada é   de Fuxan os ventos, grupo mitico que puxo voz ao fermoso poema de Manuel María que leva por título "O carro".



 Para rematar o curso todos os integrantes do Club de Lectura recibiron un agasallo de marcapáxinas e libro. Felices lecturas a todos e todas!

30 abr 2024

27 may 2021

23 abr 2019

EXCURSIÓN DO CLUB DE LECTURA


      O 23 de abril celebramos o Día do Libro e os integrantes do Club de lectura aproveitamos esta xornada para facer unha excursión  á cidade da Coruña e visitar a sede da Real Academia Galega e a Casa de Emilia Pardo Bazán. 
 
      Xulia Santiso, a directora  do museo,  recibiunos no salón de plenos da RAG onde nos explicou cando se fundara a institución, cales eran as súas funcións, como se elixían os académicos... Tamén nos falou dalgúns membros da Real Academia moi coñecidos para nós como Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey ou Manuel Rivas. Lembrounos algúns dos seus presidentes como Manuel Murguía,  Xesús Alonso  Montero ou o actual, Víctor Freixanes.  Fixo fincapé na importancia da institución como máxima autoridade en cuestións relativas á nosa lingua. Respondeu ás nosas cuestións e contounos moitas curiosidades.


     Na segunda parte da visita accedemos ás dependencias de dona Emilia Pardo Bazán, escritora de obras como La tribuna ou Los pazos de Ulloa.   Da man de Xulia Santiso coñecemos moitos datos biográficos da autora e da época na que viviu. Aprendemos que foi unha auténtica adiantada ao seu tempo e fomos conscientes das limitacións que a  sociedade da súa época lles impoñía ás mulleres.  Para decatármonos dese feito  a directora do museo suxeriu que  todos os rapaces puxeran un incómodo “corsé” no resto da visita, para que puideran, dese xeito, poñerse na pel das mulleres. 

    Puidemos contemplar o escritorio de dona Emilia  e ver antigüidades da época. Rematamos o percorrido lendo entre todos  un relato titulado “Las medias rojas” que nos conmoveu pola triste historia que nos contou e que nos serviu para reflexionar sobre a situación de desigualdade e de inxustiza padecida por moitas mulleres.  Para rematar, pareceunos moi curioso  saber que a denominación do centro comercial Marineda City vén do nome literario que a autora lle dá á cidade da Coruña.

      Volvemos a Curtis despois dun pequeno paseo polas rúas da Cidade Vella, no que tivemos como compañeira unha intensa chuvia que  non conseguiu abafar un  día de intensas aprendizaxes.




EXCURSIÓN CLUB DE LECTURA on PhotoPeach

4 may 2018

EXCURSIÓN DO CLUB DE LECTURA

      
      O pasado martes, 17 de abril, un  grupo de alumnos de 1º, 2º, 3º e 4º de ESO do club de lectura do IES de Curtis, visitamos   en Santiago de Compostela o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). 

EXCURSIÓN MUPEGA on PhotoPeach
   
     Durante a actividade puidemos  observar, coa axuda dos guías que nos foron comentando distintos aspectos, as diferenzas máis significativas nas  aulas sobre a distribución das mesas, os libros, os elementos relixiosos, as bandeiras…
     Iniciamos o percorrido coa explicación das aulas por orde cronolóxica; a primeira que puidemos contemplar foi a  escola de ferrado, na que un escolante reunía aos escasos rapaces da vila para impartirlles clase na súa casa. O alumno pagaba este servizo mediante un ferrado de cereal, medido nun caixón de madeira.
      A continuación visitamos a  aula da restauración borbónica (finais do século XIX e principios do  XX), que tiña moi presente a separación por sexos, o aspecto relixioso e unha relación vertical entre mestre e alumnado que se representaba mediante a  presenza da tarima. A figura do rei, Alfonso XII, tamén foi moi relevante nas aulas e escolas .
      A aula da república  (1931-1936), presentaba como característica básica a procura da  igualdade en todos os aspectos sociais; na educación, pódense concretar os seguintes: o mestre aparecía mantendo  unha relación máis horizontal co alumno (desaparición da tarima) e ademais o ensino  era mixto. No percorrido fixámonos tamén nos cambios das bandeiras,  por exemplo, na república presidía a aula a tricolor (vermella, amarela e violeta). Nesta época quixéronse emprender ambiciosos proxectos e programacións igualitarias, pero víronse limitados pola escasa e pésima economía.
      Chegamos á aula do franquismo (1939-1975). Supuxo o regreso  ao modelo de separación de sexos e á recuperación da superioridade do mestre sobre os escolares. A bandeira era, polo tanto, a do franquismo, coas cores actuais e a característica aguia , o xugo e as frechas.
     Deixamos o andar dedicado exclusivamente ás aulas e dirixímonos a unha interesante exposición sobre xoguetes  antigos  organizados por épocas  e materiais. Cada un deles estaba acompañado dun pequeno panel con información. Tamén puidemos ver unha caixa  de primeiros auxilios e diversos materiais médicos.
     A continuación accedemos ás aulas de indianos. Estas posuían mellores  instalacións e materiais educativos (láminas, proxectores… ) que supoñían unha verdadeira innovación para a época. Estaban sufragadas polos emigrantes galegos.


      Para finalizar, puidemos sentar nas cadeiras dunha reprodución dunha aula antiga e experimentar unha sensación semellante ao que sentirían os   os nosos pais ou avós cando escribían  nas “pizarras”. Rematamos a visita contemplando un fermoso cadro de Julia Minguillón titulado A escola de  Doloriñas.  Foi, sen dúbida, unha interesante experiencia na que aprendemos moito  dunha maneira moi entretida e dinámica.
     Lois  Couso, María  Couceiro e Nadia Fernández