Mostrando entradas con la etiqueta FUTURO IMPERFECTO. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta FUTURO IMPERFECTO. Mostrar todas las entradas

18 may 2017

XULIA ALONSO CONTESTA AS NOSAS PREGUNTAS




María Vaamonde, Rocío Sànchez, Elena Penas, Marta Varela, María Casal e Patricia Vázquez, do club de lectura de 1º bacharelato, lemos Futuro imperfecto. A obra suscitou en nós preguntas que quixemos comentar coa autora e que agora compartimos con vós. 
Grazas, Xulia, pola amabilidade e pola magnífica lección de vida que nos dás. 


Cando escribiches Futuro imperfecto, que pesou máis en ti: a dozura       do recordo da relación sentimental ou a dor da perda?
É imposible separar unha cousa da outra. Precisamente pola intensidade da nosa relación sentimental, o sentimento de perda foi máis doloroso. En todo o proceso de escritura a tenrura e a dor estiveron sempre presentes.

    Recordar e poñer por escrito a túa vida axudouche dalgún xeito?
    Lembrar e ordenar as lembranzas resultou un exercicio duro pero moi reparador para min. É diferente recordar un momento puntual do pasado que revisar un período completo da vida. Por unha parte, é preciso concentrarse para rescatar da memoria momentos que hai tempo que non se revisan e, por outra parte, hai que ordenalos para poder tecer un relato coherente. O feito de escribir foi decisivo neste proceso porque esixiu dedicar tempo e reflexión á revisión das lembranzas desde unha posición de observadora das mesmas. Isto permitiume algo parecido, por explicalo graficamente, a ir montando un quebracabezas e o resultado final foi mesmo terapéutico para min. Unha especie de reconciliación comigo mesma.

       Pódese dicir que o que te salvou a ti foi o amor?
    O amor crea unha enerxía moi potente e dinamizadora. Dá moita forza e, no  meu caso, ademais de todo isto, deulle sentido a situacións que, doutro xeito,  se terían convertido nunha lousa demasiado pesada. Nese sentido, si creo que  o amor me salvou, non tanto fisicamente (espazo no que creo que a medicina e  a xenética xogan un papel fundamental) como emocionalmente. Fronte ao forte rexeitamento que provocan situacións tan indesexables como a adicción, a enfermidade ou a morte, arredor noso houbo unha reacción marcada fundamentalmente polo amor, tanto por parte da familia como das nosas amizades. Por outro lado, estaba o noso propio e recíproco amor e, por riba de todo, o inmenso amor que sentiamos pola nosa filla. A forza e a positividade que rodea un sentimento tan fermoso e potente como o amor foi a que me permitiu emerxer de entre tanta sombra e tanta pena. Sen dúbida, o amor dá sentido á nosa vida e é a forza que ten a capacidade de facer de contrapeso nos momentos máis duros e complexos que nos toque vivir. É a forza que alimenta a ilusión e, polo tanto, a base sobre a que se sostén a esperanza. Amor, ilusión e esperanza, o substrato da miña supervivencia...

     Segues aquí, considéraste unha supervivente? 
    En certa forma, sono, si. Se a adicción á heroína deixou un rastro de morte de seu, a virulencia da irrupción da sida foi brutal e o número de mortes contáronse por milleiros. Aínda hoxe non entendo como é posible que siga viva, pero a realidade é que sigo aquí e iso, supoño, me converte nunha supervivente da parte máis sombría dun tempo efervescente e luminoso, como foi a década dos 80.

     Cres que unha relación máis estreita cos pais de Nico ou cos teus tería axudado a que a dependencia das drogas non chegase tan adiante? 
   Non sería xusto sinalar os conflitos familiares como os responsables principais dos actos ou as decisións que nós tomamos pola nosa conta e risco. Hai que considerar tamén os momentos históricos que vivimos e que nos condicionaron a uns e outros. Primeiro o franquismo e a represión e, coincidindo coa nosa mocidade, a transición á democracia. Todo influíu, seguramente en cada caso de forma diferente. Pero a realidade foi que a heroína entrou a cachón nun momento en que moitos de nós estabamos empeñados en romper coa uniformidade do pasado (representada dalgún xeito polas nosas familias) e todo o novo resultaba apaixonante. Xa chegados a este punto, seguramente a propia inercia vertixinosa daqueles tempos e a atracción polo descoñecido tería resultado igualmente sedutora para nós aínda tendo unha relación menos conflitiva coas nosas familias. Iso nunca poderemos afirmalo nin negalo con rotundidade. Nunca o saberemos.

    Que farías se puideses volver atrás, se volveses agora á mocidade e acabases de coñecer a Nico? 
     Cuestionarse algo así é unha trampa. Non se pode volver atrás, e visualizar as posibilidades que puideron ser e non foron non serve máis que para engadir sentimentos como a rabia ao sentimento de dor ou de impotencia provocados por todo o acontecido. Non dediquei nunca nin un minuto do meu tempo en pensar que tería pasado se tomaramos outras decisións, porque as que tomamos foron unhas moi concretas e as súas consecuencias demasiado duras como para gastar a miña enerxía noutra cousa que non fora buscar a forma de reparar o reparable e encaixar o irreparable. Unha formulación como a que suxire a pregunta resultaría demasiado dolorosa por imposible sen achegar nada positivo a cambio. Para min, con todo o respecto, non ten sentido.

    Que se sente ao conseguir algo tan difícil como é superar unha adicción? 
   É unha sensación moi potente que ten moito que ver con volver a nacer pero sendo consciente dese renacemento. A sensación de recuperar a propia vontade, a capacidade de decidir, a liberdade, ao fin e ao cabo, é marabillosa. Primeiro, o corpo , que sempre vai máis rápido, recupera vitalidade, forza e cor; máis tarde, máis lentamente, os medos, os bloqueos, as inseguridades, vanse desaloxando e a vontade vai recuperando a forza que a adicción lle arrebatou. É fabuloso!

     Cres que os diferentes compoñentes da sociedade (familias, escolas, gobernos...) fan todo o que está na súa man para que o problema das drogas vaia a menos? 
   Nos anos 90, como consecuencia dos graves problemas sociais e de saúde pública que xerou o consumo e a adicción ás drogas por parte dunha ampla parte da mocidade no noso país, fixéronse grandes campañas de información e concienciación social ante este problema. Quero lembrar campañas como a coñecida como “Si da, no da” ou “Póntelo, pónselo”, que tiveron moita difusión nos medios de comunicación e propiciaron un gran debate tanto nas escolas como dentro do seo das familias. Lamentablemente, ao descender a alarma social, as campañas tamén diminuíron e baixouse a garda a nivel xeral. É función e responsabilidade dos gobernos manter políticas activas de prevención ante problemas que, desde esa posición, teñen perfectamente identificados, cousa que desde hai anos non se fai. Para que se traballe desde a escola ou desde a familia hai que contar con información veraz e concienciación de que existe un problema sobre o que actuar preventivamente. Ante esta carencia clara, o traballo desde as escolas depende fundamentalmente da voluntariedade do profesorado, que é moita pero precisa dun apoio institucional co que non se conta, creo eu. O mesmo pasa no eido familiar onde, ademais, inflúen condicionantes subxectivos que teñen que ver coas relacións entre pais e fillos que, en certos momentos, dificultan a comunicación.
   O debate público sobre as adiccións, en particular ás drogas, debería manterse activo de forma continuada porque a sociedade está en continua renovación e, non o esquezamos, detrás do consumo de drogas hai un negocio moi rendible que busca permanentemente novos clientes. Do que se trata é de non ser un deles.

     Que mensaxe ou que consellos nos darías hoxe desde a túa experiencia? 
     Non me atrevería a dar consellos, fóra do que cada un ou unha de vós teñades extraído da lectura de Futuro imperfecto. Só podo contar o que vivín, tal como o vivín, e que cadaquén tome nota do que lle pareza oportuno. O que si teño claro é que só temos unha vida e, pase o que pase, o tempo é oportunidade. Non se pode vivir baixo o medo permanente polo que vos animo a vivir a vosa vida desde a enerxía e a reflexión. Por un lado, a enerxía invita ao movemento e, por outro lado, a reflexión esixe contención. Dous ritmos aparentemente opostos que ben combinados axudaranvos a decidir en cada momento e, en definitiva, a gozar da apaixonante experiencia de estar vivo.
  
      Moitas grazas, boa sorte e mellor saúde a todas e todos!