Mostrando entradas con la etiqueta Os nenos da varíola. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Os nenos da varíola. Mostrar todas las entradas

22 mar 2020

OS NENOS DA VARÍOLA E A OPERACIÓN BALMIS

    

Mentres agardamos poder retomar a actividade escolar e as reunións do Club de Lectura  temos que adaptarnos á nova situación determinada pola pandemia que percorre o mundo.
Unha das medida adoptadas en España para loitar contra o andazo do coronavirus foi a de decidir que o exército colaborase coas forzas de seguridade para protexer á cidadanía. Esta atuación do exército denomínase Operación Balmis, na honra do doutor do mesmo nome que levou a América  a vacina da varíolan nos corpos de vinte e dous nenos galegos orfos. A expedición, que partiu do porto da Coruña no ano 1803 , conseguiu coa súa xesta salvar moitas vidas.
A lectura é, sen dúbida e máis ca nunca, unha fantástica maneira de evadirnos un chisquiño a través das historias que nos transportan no tempo e no espazo. 
A continuación un booktráiler elaborado por Ariadna Fernández sobre a obra de María Solar que leva por título Os nenos da varíola inspirada na historia da Expedición Balmis.



15 jun 2018

OS NENOS DA VARÍOLA


     O libro Os nenos da varíola, da escritora galega María Solar, recrea a través da ficción a expedición médica  que trasladou  a vinte e dous nenos ata América  co obxectivo de  levar a vacina da mencionada enfermidade.


      A historia relatada xira en torno a dous nenos orfos (expósitos) Ezequiel e Clemente. Precisamente no hospicio da Coruña  é onde se sitúa boa parte da trama ambientada a comezos do Século XIX, concretamente no ano 1803. A autora humaniza a historia e consegue que o lector se identifique non só cos nenos, senón tamén co ambiente  de precariedade e necesidade. Ao longo da narración van xurdindo historias paralelas que lle outorgan un sentido engadido. Cando xorde a necesidade de  atopar nenos que poidan trasladar a vacina da varíola nos seus corpos acoden aos pequenos expósitos  e iso leva consigo a potencial separación dos rapaces. Ezequiel encarna unha serie de valores positivos como son a solidariedade, a capacidade de esforzo, a ansia de superación... É interesante ver como o ambiente determina as accións dos pequenos e como son tremendamente vulnerables e influenciables. Pero, sen dúbida, o personaxe máis determinante é o de IsabelZendal. Esta  muller, natural de Ordes e procedente dunha humilde familia, foi a primeira enfermeira galega coñecida. Pasou á historia pola súa intensa e relevante   colaboración  na  misión de levar a vacina a América. Por este feito o seu nome  pasou a formar parte da memoria colectiva hispanoamericana.  Ademais foi recoñecida pola OMS no ano 1950 como a primeira enfermeira da historia en misión internacional.

         Isabel Zendal constitúe un dos piares básicos da narración. É un personaxe moi ben construído, que evoluciona ao longo da historia. Ademais chama a atención que desafía as regras convencionais da época, xa que tiña un fillo de solteira e  desempeñaba o cargo de reitora nun centro relixioso aínda que ela non o era. Pódese dicir que foi unha verdadeira pioneira xa que era moi inusual que unha muller exercese un cargo de responsabilidade.  Outros personaxes relevantes son o  alacantino  doutor Balmis (organizador da expedición),  o betanceiro doutor Posse  (colaborador) e, por suposto, os  nenos que aparecen acreditados nesta historia cos seus nomes e apelidos e que,  ao igual que  os restantes membros da expedición, foron reais. 





      A lectura deste libro resultou todo un éxito. Nas sesións dedicadas ao comentario recoñecemos e valoramos o traballo de documentación e investigación levado a cabo pola autora. A ambientación está tan coidada que parece trasladarnos á época  en que se sitúa a historia.  A recoñecida escritora engade con este libro un valor importante á súa significación no panorama literario  e cultural galego.  

       Unha marabillosa e conmovedora ficción baseada nun feito real de relevancia histórica. Moi recomendable!

                                     Raúl Gónzález, Lucía Vigo e Cristian Morandeira