27 may 2020

O EFECTO FRANKESTEIN


 
     Unhas das lecturas deste curso foi O efecto Frankenstein de Elia Barceló.  A suspensión das clases o pasado 13 de marzo provocou que as sesións presenciais de intercambio de impresións ficasen interrrompidas. De todos os xeitos,  continuamos lendo nos nosos fogares e queremos compartir os nosos comentarios a través deste blog.

     O efecto Frankestein  narra a relación entre unha rapaza chamada Nora e  un  mozo chamado Max. Ambos estudan Medicina e a súa podería ser unha  historia de amor coma a de calquera parella se non fose porque viven en épocas distintas: el, no século XVIII e ela, na actualidade. Pero imos deixar que sexa a propia autora a que vos faga un resumo do suxestivo argumento:


 

     O libro pareceunos moi interesante e entretido. A través da historia de amor que viven os personaxes podemos facer unha viaxe no tempo na que aparecen moitos temas que nos dan moito que pensar. Unha obra moi orixinal que nos permite comparar épocas e ver como foi cambiando a sociedade ao mesmo tempo que coñecemos a interesantes personaxes  e vivimos con eles apaixonantes situacións.
     Recollemos as impresións de Salma Mariño:

      
     Persoalmente o libro gustoume moito. A través da lectura pódese imaxinar como era a vida no século XVIII. Chamoume a atención o machismo e a discriminación que sufrían as mulleres, os homosexuais ou simplemente as persoas que tiñan algunha deformidade. Por outro lado, o libro é unha boa maneira de achegarse á figura da escritora Mary Shelley (autora de Frankestein), xa que esta aparece como un personaxe máis do libro e atópase coa protagonista.

Paréceme un libro totalmente recomendable para todas as persoas ás que lles gusten as lecturas que transcorren noutras épocas e noutros lugares. Animádevos  a lelo! Non vos defraudará!










20 may 2020

CARTAS DE AMOR

    
     Seguimos lendo nas nosas casas e, dado que non podemos reunirnos de xeito presencial, compartimos  lecturas e impresións a través deste blog. Nesta ocasión, Ariadna Fernández Blanco de 3º ESO achéganos un booktráiler da novela de Fran Alonso titulada Cartas de amor. Descubriredes historias sobre as inxustizas e as desigualdades a través dunha serie de cartas nas que unhas mulleres contan as súas tristuras, pesadelos e situacións polas que pasaron ou están pasando. 


6 may 2020

MOITO ÁNIMO!


23 abr 2020

DÍA DO LIBRO... NA DISTANCIA



     Hoxe é 23 de abril, é o Día do Libro, pero moi diferente ao doutros anos... Hoxe estamos na casa, o instituto queda na distancia porque unha pandemia tennos pechados, esperemos que por non moito máis tempo, entre as catro paredes dos nosos fogares. Porén, non vai ser isto un obstáculo para que festexemos esta data, tan importante para a nosa biblioteca e para nós. 
 
   Neste último mes gozamos da compañía dos nosos, pero en moitos fogares a presenza da cultura audiovisual e escrita, está a ser unha peza importante para "aguantar o tipo": aínda estando confinados os libros axúdannos a saír ó exterior, a viaxar, a dialogar cos de fóra da casa, a rir, a chorar, a reflexionar, a debatir, a querernos máis, a ver máis claros os nosos erros e os nosos acertos, a recordar o pasado, a compoñer o futuro... E a enfrontar con optimismo e serenidade o que temos diante...


Marabillosos compañeiros neste traxecto da vida que nos toca recorrer! 


   E para conseguir que o sorriso agrome nos nosos beizos, despois desta reflexión, deixámosvos o enlace a un vídeo no que o inxenioso humorista José Mota fixo hai anos: trátase dunha especie de distopía, asentada sobre a idea dun botellón, no que o gusto pola bebida fose substituído pola obsesión dos mozos por ler! Esperamos que vos guste!