16 jun 2020

INFAMIA


A obra Infamia, escrita por Ledicia Costas, foi editada pola editorial Xerais e publicada en xuño de 2019 (segunda edición).  É unha novela de misterio que trata, dunha maneira moi íntima, os diferentes problemas que teñen os personaxes. Fala das súas preocupacións de maneira secundaria, facendo que toda a historia xire arredor da desaparición das irmás Giraud.
Tal e como pon a contraportada do propio libro: “Infamia é un thriller psicolóxico onde nada é o que parece. Unha novela de ritmo vibrante que agarra o lector e o conduce aos sumidoiros da condición humana. Unha historia de amor, odio e loucura.”  
Ledicia Costas, a autora, é unha das escritoras máis traducidas e recoñecidas da literatura galega. Publicou obras como Un animal chamado néboa (2015), O corazón de Xúpiter (2012), Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (2016), … Gañou premios como o Premio Lazarillo, o Premio Gala do libro galego e o White Ravens, todos eles pola obra Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, o Premio Merlín e o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo libro Escarlatina, a cociñeira defunta,

 Neste libro, Ledicia escribe a historia dunha avogada, Emma, que chega a Merlo intentando cambiar de aires, entre outras cousas para esquecerse de Mario (o home do que estaba namorada). Tras pasar uns días alí, dáse conta de que o pobo quedou marcado desde a desaparición de Sofía e Branca, as irmás Giraud. A ela sorprendeulle que non se resolvera o caso e decidiu investigar pola súa conta. Ó largo da súa estadía coñecerá a xente misteriosa, será ameazada, namorarase, …
O narrador desta obra está en 3ª persoa, pero é omnisciente xa que sabe o que senten e o que pensan os personaxes. Fragmentos que afirman o anterior sería, por exemplo, os seguintes: “Emma sempre se sentira como unha persoa de inverno, de auga de Lúa, por esa orde”, “Gustáballe pasar desapercibida”, … A historia está narrada en pasado e ten flashbacks, estes son usados para explicar o que lle sucedera a Mariña e ás irmás Giraud.
Os protagonistas desta novela son Emma, Rubén, Lucas, Noel, Salva e Sofía e Branca (as irmás Giraud). Cada personaxe ten os seus propios tormentos interiores: Emma non consegue superar a morte da súa irmá Mariña, Lucas non foi capaz de superar a súa participación no asasinato das irmás, Noel non ten valor para admitir que é homosexual, Salva atorméntase ó pensar que foi violado por curas, etc. A maioría dos personaxes son redondos, xa que van enfrontando os seus medos. Pero hai personaxes que non evolucionan, un exemplo sería o señor Arias, desde o principio fai todo o que pode por salvar o nome da súa familia: idea un plan para esconder os corpos de Sofía e Branca, ameaza a Emma para que deixe de investigar o caso, …, non hai ningún momento no que evolucione e se sinta culpable polo que fixo.
O que máis me sorprendeu do estilo e técnica narrativo foi que introducira poemas ó longo do libro, que correspondían coa parte na que se falaba de Lucas. Os poemas estaban escritos en castelán e falaban sobre todo de sentimentos. Tamén introduce ó longo da historia reportaxes e noticias. Isto fai que nos acheguemos á historia, xa que non se está lendo a reportaxe da boca dun personaxe, senón que lemos a reportaxe en si, o que fai que nos sintamos como un personaxe máis que está a observar o que pasa.
Esta obra gustoume moito. Sempre me interesaron as obras de misterio, pero esta superou as miñas expectativas. Non só trata unha desaparición, senón que mostra todas as caras ocultas desta, o que senten os culpables (pasando polos que non están arrepentidos e polos que teñen pesadelos por iso), a posición que adoptaron os pais, a ignorancia das nais, o sufrimento de Sara e Xoán, a conciencia dos pais das nenas ó saber quen foran os asasinos, o interese que pode sentir unha persoa alleo ó caso, as decisións que tiveron que tomar os personaxes que querían a persoas relacionadas coa morte das irmás, …
Normalmente, os comezos son a parte do libro que menos me gusta, pero neste caso é todo o contrario. O comezo do libro xa atrae, pídeche seguir lendo. O que menos me gustou foi o final tan aberto. Deixoume coa intriga saber que máis ía pasar. Podo soportar a curiosidade que me produciu saber se Emma volve ou non, pero, como lectora, preciso saber se Branca atopa ós culpables ou non e, no caso de atopalos, que fai.
                                                Nadia Fernández Blanco ( 1º BAC B)
               

15 jun 2020

O LAPIS DO CARPINTEIRO


O libro O lapis do carpinteiro foi escrito por Manuel Rivas, un dos escritores galegos con máis proxección internacional. Os seus libros contan con numerosas traducións, premios e versións cinematográficas. Ademais de escribir novelas tamén é poeta, ensaísta e dramaturgo. Dentro da súa obra destacan libros coma: Que me queres, amor? (1995), polo que gañou o Premio Nacional de Narrativa no ano 1996, ou A desaparición da neve (2009). Ademais forma parte dende o 2009 da Real Academia Galega.


A historia comeza no presente, coa presentación dos personaxes principais e un lapis de carpinteiro que revive vellas lembranzas aos protagonistas. Estes, coa axuda dun narrador omnisciente, vannos narrando a historia dende distintos  puntos de vista.
O día que Herbal ve a necrolóxica do doutor Da Barca sabe que a morte lle anda roldando e lembra  como durante a Guerra Civil española foi o carcereiro dun médico republicano ao que acompañou, coma se fose a súa sombra, por tódalas prisións onde estivo. A súa era una relación de admiración e odio, provocada polo amor que o protagonista sentía pola moza do doutor.



Gustaríame destacar o papel do lapis na obra, o cal dá nome ao libro, xa que ten un valor moi importante para o protagonista. Pasou de man en man durante anos, chegando finalmente ao protagonista, que matou ao seu dono (un pintor do Pórtico da Gloria). Dende ese momento Herbal lévao consigo, e fai o papel da súa conciencia, que vai recompilando as súas memorias, sentimentos, sucesos, etc. e lle axuda a ver as cousas dende outro punto de vista, actuando de mellor forma.

Este libro de Manuel Rivas ten una temática moi común a outros que levo lidos. Isto podería facer que resultase repetitivo ou similar a outros, pero neste caso a Guerra está de fondo, mentres a historia de amor que se desenvolve na historia reloce por enriba desta. Ademais paréceme moi interesante a figura de Herbal, unha personaxe redonda, que evoluciona ao longo da narración, converténdose nunha persoa máis solidaria e xenerosa co paso do tempo.

A pesar de ser un libro breve e aparentemente sinxelo, o comezo resulta algo difícil de entender, e ao lector cústalle  somerxerse ata pasar as primeiras páxinas da historia. A isto súmanse os numerosos saltos no tempo, que fan que sexa obrigado manter a atención no libro para non perder o fío da trama.

Por último, na obra transmítense numerosos valores e ensinanzas, como: o amor, a amizade, o compañeirismo e a loita polos dereitos das mulleres, todo isto nun ambiente de violencia, envexa, incomprensión, mentira, medo, … un mundo sen liberdade, cheo de inxustizas, e coa morte sempre presente.
María Couceiro  Sánchez  (1º Bach B)

5 jun 2020

BELEZA VERMELLA

    
  Entre as actividades previstas para este curso estaba un encontro literario coa autora Arantza Portabales. Xa demos conta neste blog das impresións suscitadas pola lectura de Deixe a súa mensaxe despois do sinal.  Compartimos agora un booktráiler realizado por Nadia Fernández Blanco  (1º Bach. B) sobre a última obra publicada pola autora: Beleza vermella.