7 dic 2020

O CORAZÓN DE XÚPITER

A lectura de O corazón de Xúpiter de Leticia Costas resultounos moi interesante e entretida. A historia céntrase nunha rapaza chamada Isla que acaba de cambiar de cidade e, polo tanto, chega nova ao instituto. Faise amiga de Mar e Anxo ao tempo que comeza a ser acosada por un tal Carballo.  A relación cos seus pais é bastante distante e ela non parece confiar moito neles. A saída aos seus problemas atópaa na amizade que mantén a través de Internet cunha persoa que se fai chamar Xúpiter coa que comparte a súa afección pola astronomía. Isla obsesiónase coa esta relación e decide quedar con el para coñecelo en persoa. A sorpresa non pode ser máis desagradable: Xúpiter é realmente un home maior desequilibrado que asasinou á súa nai. A historia remata traxicamente coa morte de Isla. Os seus amigos quedan desolados e cunha terrible sensación de impotencia por non ter podido evitar o tráxico desenlace.

Os perigos das amizades a través das redes sociais é o eixo central do libro. Pero nas sesión que dedicamos a falar da obra tamén destacamos a cantidade de temas secundarios, non por iso menos importantes, presentes: a integración social, o acoso, a diversidade sexual, a amizade, o sexting ou as relacións entre pais e fillos son algúns dos que máis nos chamaron a atención.

 

O personaxe de Carballo fíxonos pensar sobre o problema do acoso dende un novo punto de vista:  as difíciles circunstancias que teñen que vivir algúns rapaces no seu contorno familiar que provocan actitudes deste tipo.  É dicir, ante os casos de acoso temos que saber enfrontarnos á situación pero debemos ter en conta que as persoas que acosan aos otros ás veces fanno porque teñen problemas. Tamén nos chamou a atención o tema das drogas e como Isla se ve “obrigada” a probar por falta de personalidade e de decisión.

Todos coincidimos en que o final nos pareceu moi tráxico e inesperado. A lección que está presente no libro é que temos que ter moito coidado coas persoas que coñecemos a través das redes sociais porque ás veces as cousas non son o que parecen. Outra conclusión que sacamos da lectura desta novela é que debemos valorar e querer moito á xente que nos rodea xa que nun instante todo pode cambiar.
Teresa, Carla, Sara,  Berta, Noa, Iago e Xacobe (2º ESO B)

 

 



 

 

19 nov 2020

NOVO CURSO, NOVAS LECTURAS

 

Iniciamos este particular curso adaptándonos á nova normalidade determinada pola pandemia que condiciona as nosas vidas dende o pasado mes de marzo. Antes do coronavirus as reunións do noso club desenvolvíanse na sala anexa á biblioteca arredor dunha mesa onde intercambiabamos impresións. Esa mesa redonda, en torno á cal tantas lecturas compartimos e debatemos,  tivo que ser retirada para cumprir o protocolo de distancia social necesario para evitar os contaxios.  Habilitamos, coa axuda da dirección do centro, un novo espazo de reunión nunha aula de desdobres. Alí tentamos crear un ambiente agradable que favoreza a comunicación e que asocie a lectura coa actividade lúdica e pracenteira que é.

 


As lecturas coas que iniciamos o curso son moi plurais e variadas. Deste xeito, incorporamos  itinerarios diversos que van dende a inclusividade e a integración social, pasando polo misterio ou a novela histórica, ata a crueldade da guerra ou da marxinación á que se ven sometidos os nenos e as mulleres nalgúns lugares do mundo.  A continuación, a nosa proposta para este trimestre:

Os novos membros do club  de 1º ESO comezaron a lectura de Wonder de R. J. Palacio co proxecto de complementala coa proxección da longametraxe. Ao tempo, outros compañeiros do mesmo curso internaranse polos camiños do misterio con El príncipe de la niebla de Carlos Ruíz Zafón e da novela histórica con El herrero de la luna llena de María Isabel Molina. Un dos grupos de 2º ESO está atrapado na apaixonante historia de O corazón de Xúpiter de Leticia Costas. Outros optaron pola  novela Tristes armas  de Marina Mayoral co obxectivo de coñecer un pouco mellor as  terribles circunstancias que sufriron moitos nenos e nenas na guerra civil. Compartirán esta lectura coa versión adaptada de Anaya do clásico Romeo y Julieta.

 Khaled Hosseini foi o autor escollido por varios dos veteranos do club: os integrantes de 3º ESO andan a voltas con Mil soles espléndidos e en 4º comezaron a ler a novela gráfica baseada na obra Cometas en el cielo. Dúas historias impresionantes e conmovedoras que os farán reflexionar moito sobre as desigualdades existentes no mundo.

Os grupos de Inglés mergullaranse nos costumes e  tradicións das culturas de Irlanda e Escocia con All About Ireland e All About Scotland de Emily Winston. Marabillosa forma de viaxar e coñecer outros mundos a través da lectura!

Para profundar máis na relación entre literatura e cinema o alumnado de bacharelato lerá Los girasoles ciegos de Alberto Méndez e asistirá á proxección da versión cinematográfica de José Luis Cuerda.