O alumnado de 1º ESO C elaborou este suxestivo vídeo combinando as súas impresións lectoras en formato de noticia co uso de ferramentas dixitais e da IA.
16 jun 2026
30 oct 2021
PRIMEIRAS LECTURAS
Un curso máis iniciamos a nosa andaina a
través das lecturas. Este ano, o noso
club está formado por máis de 70 rapaces
e rapazas e 7 profesoras distribuídos en 12 grupos. Arrincamos con variadas opcións lectoras. En 1º da ESO comezaron
cun clásico da banda deseñada por partida dobre: Asterix y compañía e Astérix
e os Xogos Olímpicos; lecturas que
combinarán con O agasallo de
Anya. Os Fendetestas de 2º andan entre o misterio de As
fronteiras do medo e as conmovedoras historias de Tristes armas
e Os nenos da varíola. En 3º, vanse
repartir entre un marabilloso clásico universal como Drácula e a terrible historia sobre a explotación
infantil narrada en La música del viento. Os lectores de 4º verán
a cara máis cruel do nazismo con Enderezo descoñecido. En 1º Bach optarán por unha divertida comedia: El médico
a palos. Os Fendetestas de Inglés visitarán
as terras de Irlanda e Escocia a través de All about Ireland e All
about Scotland.
Lembrade revisar os calendarios que están na porta da aula do Club de Lectura e na entrada da biblioteca para non esquecer as convocatorias das reunións.
19 nov 2020
NOVO CURSO, NOVAS LECTURAS
Iniciamos este particular curso adaptándonos á nova normalidade determinada pola pandemia que condiciona as nosas vidas dende o pasado mes de marzo. Antes do coronavirus as reunións do noso club desenvolvíanse na sala anexa á biblioteca arredor dunha mesa onde intercambiabamos impresións. Esa mesa redonda, en torno á cal tantas lecturas compartimos e debatemos, tivo que ser retirada para cumprir o protocolo de distancia social necesario para evitar os contaxios. Habilitamos, coa axuda da dirección do centro, un novo espazo de reunión nunha aula de desdobres. Alí tentamos crear un ambiente agradable que favoreza a comunicación e que asocie a lectura coa actividade lúdica e pracenteira que é.
Os novos membros do club de 1º ESO comezaron a lectura de Wonder de R. J. Palacio co proxecto de complementala coa proxección da longametraxe. Ao tempo, outros compañeiros do mesmo curso internaranse polos camiños do misterio con El príncipe de la niebla de Carlos Ruíz Zafón e da novela histórica con El herrero de la luna llena de María Isabel Molina. Un dos grupos de 2º ESO está atrapado na apaixonante historia de O corazón de Xúpiter de Leticia Costas. Outros optaron pola novela Tristes armas de Marina Mayoral co obxectivo de coñecer un pouco mellor as terribles circunstancias que sufriron moitos nenos e nenas na guerra civil. Compartirán esta lectura coa versión adaptada de Anaya do clásico Romeo y Julieta.
Khaled Hosseini foi o autor escollido por varios dos veteranos do club: os integrantes de 3º ESO andan a voltas con Mil soles espléndidos e en 4º comezaron a ler a novela gráfica baseada na obra Cometas en el cielo. Dúas historias impresionantes e conmovedoras que os farán reflexionar moito sobre as desigualdades existentes no mundo.
Os grupos de Inglés mergullaranse nos costumes e tradicións das culturas de Irlanda e Escocia con All About Ireland e All About Scotland de Emily Winston. Marabillosa forma de viaxar e coñecer outros mundos a través da lectura!
Para profundar máis na relación entre literatura e cinema o alumnado de bacharelato lerá Los girasoles ciegos de Alberto Méndez e asistirá á proxección da versión cinematográfica de José Luis Cuerda.

