1 nov 2017

ESTAMOS A LER...



           Iniciamos curso introducíndonos de cheo no Samaín e  deixándonos levar pola maxia do misterio. Comezamos coa lectura dun clásico da literatura universal: Frankestein de Mary Shelley   (1º da ESO) e cunha selección de As fronteiras do medo de Agustín Fernández Paz  e dos inquietantes contos que Xosé Miranda nos ofrece en As mans do medo (2º da ESO). Os membros máis novos do noso club completan lectura inicial co relato  “Las babuchas fatídicas” extraído de Las  mil y una noches.

Os rapaces e rapazas de 3º da ESO mergulláronse na lectura de dúas obras que colleitaron grandes éxitos no noso club: Clara dice de Carlos Roncero e El niño en la cima de la montaña de John Boyne. Os perigos das amizades a través de  Internet e a vulnerabilidade dos adolescentes ofrecerán, sen dúbida, moitos temas de conversa nas sesión de análise da obra de Roncero.  O libro de Boyne (autor de O neno do pixama a raias) transportaraos á época da 2ª Guerra Mundial,  deixando unha desacougante visión sobre os perigos das ideoloxías.



            

           Un dos grupos de 3º da ESO de Cultura Clásica están a ler  Ana y la Sibila de Antonio Sánchez Escalonilla. Este libro  narra a historia dunha rapaza chamada Ana que, mentres contempla fascinada os frescos da Capela Sixtina, recibe una chamada de auxilio da Sibila de Cumas. A partir de aquí, a protagonista, co seu compañeiro Mario e coa axuda do gardián do edificio viaxarán ao pasado para intentar liberar a Sibila do seu horrible destino: vivir mil anos. Outra das lecturas  propostas para este  grupo é  Metamorfosis de Ovidio, un libro que relata historias míticas nas que os protagonistas se transforman en árbores, animais, rocas... Nelas, o autor intenta, en xeral, mostrar as debilidades do ser humano.

           Os Fendetestas de Francés  entrarán de cheo na maxia dun clásico da literatura universal: Le Petit Prince de Antoine de Saint-Exupéry. O amor, a amizade e o sentido da vida son algunhas das reflexións que contén esta fermosa historia que engaiolou e engaiola a lectores de todo o mundo.

Para rematar esta toma de contacto, os rapaces e rapazas de 4º da ESO e 1º de Bacharelato comezaron a lectura dunha fermosa historia que os vai facer meditar sobre a cruel realidade dos exiliados: A neta do señor Linh de Philippe Claudel.

No hay comentarios:

Publicar un comentario