As fronteiras do medo de Agustín Fernández
Paz e As mans do medo de Xosé Miranda
foron o punto de partida da andaina do noso club para os rapaces e rapazas de
2º ESO. Na primeira xuntanza realizamos unha sesión de contacontos baseada
nestas lecturas. Tentamos así recuperar a vella tradición da literatura popular
de transmisión oral, a dos contos narrados á calor da lareira.
Para
desenvolver esta actividade, cada un escolleu o relato que máis lle gustou e, a
continuación, desenvolveu as súas dotes de contador ou contadora tendo aos
compañeiros e compañeiras como auditorio. Ángela Doval relatounos unha historia dunha misteriosa casa onde había
un pozo asociado cunha estraña desaparición.
Nerea Pérez levounos a Transilvania cun inquietante conto de
vampiros. Paula Sánchez relatounos unha
historia cun final sorprendente titulada “Os fillos de Hamlet”. Brais Castro e Dalvin Peña contáronnos a
experiencia dun home que unha noite notou
como alguén lle arrincaba as entrañas do peito.
Na sesión de
contacontos falamos tamén da relación da
literatura de terror co cinema. Lembramos
versións cinematográficas de clásicos da literatura universal e
comentamos estreas recentes como It (baseada
nun libro do escritor Stephen King).
Nunha segunda reunión acordamos analizar o relato que dá título ao libro
de Xosé Miranda: As mans do medo.
Todos estivemos de acordo en valoralo
positivamente e en cualificalo
como un pouco desagradable, desacougante
e ata noxento. Fixámonos nunha técnica presente no conto que se relaciona coa
literatura de transmisión oral: as continuas chamadas ao lector para captar a atención e favorecer a súa implicación emocional na historia. Falamos dunha
referencia literaria presente ao longo de toda a narración: Frankestein. A mención a esta obra clásica da literatura universal está relacionada co argumento do conto: un
home atopa unhas mans humanas que parecen estar vivas e que dominan a mente do protagonista ata que
conseguen ser implantadas no seu corpo. Tamén nos chamou a atención o final, que
deixa aberta unha continuación do relato
moi inquietante. Comentamos esta
técnica moi utilizada na literatura de misterio, e reflexionamos sobre o feito
de que resulta máis desacougante non contar exactamente como remata a historia
deixando que os lectores imaxinen o seu propio desenlace.
No hay comentarios:
Publicar un comentario