Mostrando entradas con la etiqueta Xosé Miranda. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xosé Miranda. Mostrar todas las entradas

18 nov 2017

CONTAMOS CONTOS DE MEDO



 As fronteiras do medo de Agustín Fernández Paz e As mans do medo de Xosé Miranda foron o punto de partida da andaina do noso club para os rapaces e rapazas de 2º ESO. Na primeira xuntanza realizamos unha sesión de contacontos baseada nestas lecturas. Tentamos así recuperar a vella tradición da literatura popular de transmisión oral, a dos contos narrados á calor da lareira. 

Para desenvolver esta actividade, cada un escolleu o relato que máis lle gustou e, a continuación, desenvolveu as súas dotes de contador ou contadora tendo aos compañeiros e compañeiras como auditorio.  Ángela Doval relatounos unha historia dunha misteriosa casa onde había un pozo asociado cunha estraña desaparición.  Nerea Pérez levounos a Transilvania cun inquietante conto de vampiros.  Paula Sánchez relatounos unha historia cun final sorprendente titulada “Os fillos de Hamlet”.  Brais Castro e Dalvin Peña contáronnos a experiencia dun home que  unha noite notou como  alguén lle arrincaba  as entrañas do peito. 

Na sesión de contacontos falamos  tamén da relación da literatura de terror co cinema. Lembramos   versións cinematográficas de clásicos da literatura universal e comentamos estreas recentes como It (baseada nun libro do escritor Stephen King).





Nunha segunda reunión acordamos analizar o relato que dá título ao libro de Xosé Miranda: As mans do medo. Todos estivemos de acordo en valoralo  positivamente  e en cualificalo como  un pouco desagradable, desacougante e ata noxento. Fixámonos nunha técnica presente no conto que se relaciona coa literatura de transmisión oral: as continuas chamadas ao lector para captar a  atención e favorecer a súa implicación emocional na historia. Falamos dunha referencia literaria presente ao longo de toda a narración: Frankestein. A mención a esta obra clásica da literatura universal está  relacionada co argumento do conto: un home atopa unhas mans humanas que parecen estar vivas  e que dominan a mente do protagonista ata que conseguen ser implantadas no seu corpo. Tamén nos chamou a atención o final, que deixa aberta unha continuación do relato  moi inquietante. Comentamos  esta técnica moi utilizada na literatura de misterio, e reflexionamos sobre o feito de que resulta máis desacougante non contar exactamente como remata a historia deixando que os lectores imaxinen o seu propio desenlace.

3 dic 2014

NOVAMENTE ENVOLTOS POLO MISTERIO DE X. MIRANDA...


       Acabamos de ler estes días O home dos hospitais O piso de enriba, contos, como Crisálida, do novelista X. Miranda. Desde logo, é indiscutible a súa mestría a hora de crear situacións de misterio capaces de enganchar e de sorprender cun final que ninguén  espera.


     En O home dos hospitais un narrador en primeira persoa cóntanos a historia que lle acontece cun misterioso personaxe que atopa cada vez que visita os hospitais. Trátase dun ser desagradable que mesmo dá noxo.
Ó final, o propio narrador, que sufriu un grave accidente,  descobrenos que ese desacougante ser é a morte, que neste caso vén por el.


     En O piso de enriba atópamos novamente un narrador en primeira persoa que vai visitar  unha amiga cun pasado cheo de feitos inquedantes (separación da súa parella, ingreso do irmán nun psiquiátrico...) Cando está con ela, no salón da súa casa,  escoita ruídos no piso de enriba. A inquedanza vai en aumento: cando subía atopou un home moi estraño nas escaleiras, e agora, todo ese balbordo... Ao final outra vez o autor sacúdenos cunha revelación tremenda:  non existe ningún piso de enriba... polo menos na realidade na que vive o protagonista. 

      Gústanos ler os relatos deste autor polo ben que manexa a intriga e polo acerto que ten ao mésturala coa realidade. Sabe tamén escoller ben as voces da narración:  os feitos contados en  primeira persoa resúltannos moito máis críbles.


                                         Lorena, Daniel, Sergio, Amanda e Sonia (4º ESO C)




19 mar 2014

FEITIZO

 Un dos  grupos de Fendetestas de 1º ESO estivemos lendo a obra Feitizo de Xosé Miranda. Esta pequena novela conta a historia dunha rapaza  que ten unha nai bruxa. A relación entre as dúas non é demasiado boa porque a  nai (Xoana) pretende que a filla, que se chama Marta, herde os seus poderes e a súa condición de bruxa e a rapaza só quere ser unha moza normal.
Na sesión do club de lectura  comentamos que a historia gustounos moito aínda que nos resultou un pouco irreal. Chamounos a atención como está tratado o personaxe da nai, xa que se presenta como malévola e un chisco egoísta. A verdade é  que  a filla é moito máis sensata, equilibrada e educada que a nai. Afortunadamente , ao final da historia  todo volve á normalidade, incluída a relación entre as dúas.

A  lectura deste libro serviunos para poñer en relación a literatura coa televisión e así lembramos series famosas protagonizadas por bruxas como H2O, Sabrina,  Las sirenas de Mako ou a clásica Embrujada.
Precisamente desta última deixámosvos un pequeno vídeo.

15 nov 2011

QUEN É XOSÉ MIRANDA?




 Recollemos as súas propias palabras para achegarnos á súa biografía: naceu en Lugo, moi preto da muralla, nun chalé que xa non existe, nos últimos días de 1955. Medrou nun barrio a medias obreiro, con moitos espazos aínda sen edificar, e grandes prados, hortas e chousas. Xogou moito ó aire libre cos seus amigos e leu algúns libros e tebeos.

Licenciouse en Bioloxía na Universidade de Compostela, en 1978. É profesor de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Xoán Montes da súa cidade natal. Desde neno escribiu versos.  En 1988 comezou a escribir prosa, relatos e novelas para adultos. Ten dous fillos. Para eles escribiu algúns libros do que se deu en chamar literatura infantil e xuvenil. No 2002, con 44 anos, atreveuse a publicar libros para nenos, como Lúa e os nubeiros, Feitizo, Aventuras do coello Federico, Ariadna e Pel de lobo.

É especialista en literatura de tradición oral. Xunto a Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba publicou moitos libros de contos populares galegos, dirixidos a un público infantil, reunidos na colección 'Cabalo buligán', da que é codirector, así como o Diccionario dos seres míticos galegos, a Pequena mitoloxía de Galicia, os Contos colorados, narracións eróticas da tradición oral e o recente Cando os animais falaban.

 Moita máis información sobre este autor e as súas obras en  Xosé Miranda