19 nov 2020

NOVO CURSO, NOVAS LECTURAS

 

Iniciamos este particular curso adaptándonos á nova normalidade determinada pola pandemia que condiciona as nosas vidas dende o pasado mes de marzo. Antes do coronavirus as reunións do noso club desenvolvíanse na sala anexa á biblioteca arredor dunha mesa onde intercambiabamos impresións. Esa mesa redonda, en torno á cal tantas lecturas compartimos e debatemos,  tivo que ser retirada para cumprir o protocolo de distancia social necesario para evitar os contaxios.  Habilitamos, coa axuda da dirección do centro, un novo espazo de reunión nunha aula de desdobres. Alí tentamos crear un ambiente agradable que favoreza a comunicación e que asocie a lectura coa actividade lúdica e pracenteira que é.

 


As lecturas coas que iniciamos o curso son moi plurais e variadas. Deste xeito, incorporamos  itinerarios diversos que van dende a inclusividade e a integración social, pasando polo misterio ou a novela histórica, ata a crueldade da guerra ou da marxinación á que se ven sometidos os nenos e as mulleres nalgúns lugares do mundo.  A continuación, a nosa proposta para este trimestre:

Os novos membros do club  de 1º ESO comezaron a lectura de Wonder de R. J. Palacio co proxecto de complementala coa proxección da longametraxe. Ao tempo, outros compañeiros do mesmo curso internaranse polos camiños do misterio con El príncipe de la niebla de Carlos Ruíz Zafón e da novela histórica con El herrero de la luna llena de María Isabel Molina. Un dos grupos de 2º ESO está atrapado na apaixonante historia de O corazón de Xúpiter de Leticia Costas. Outros optaron pola  novela Tristes armas  de Marina Mayoral co obxectivo de coñecer un pouco mellor as  terribles circunstancias que sufriron moitos nenos e nenas na guerra civil. Compartirán esta lectura coa versión adaptada de Anaya do clásico Romeo y Julieta.

 Khaled Hosseini foi o autor escollido por varios dos veteranos do club: os integrantes de 3º ESO andan a voltas con Mil soles espléndidos e en 4º comezaron a ler a novela gráfica baseada na obra Cometas en el cielo. Dúas historias impresionantes e conmovedoras que os farán reflexionar moito sobre as desigualdades existentes no mundo.

Os grupos de Inglés mergullaranse nos costumes e  tradicións das culturas de Irlanda e Escocia con All About Ireland e All About Scotland de Emily Winston. Marabillosa forma de viaxar e coñecer outros mundos a través da lectura!

Para profundar máis na relación entre literatura e cinema o alumnado de bacharelato lerá Los girasoles ciegos de Alberto Méndez e asistirá á proxección da versión cinematográfica de José Luis Cuerda.

24 oct 2020

REUNIÓN INICIAL

 Iniciamos este curso tan especial con moitas ganas de compartir vivencias e experiencias. O noso club vai medrando ano a ano coa incorporación de novos integrantes que declaran sen complexos ser afeccionados á lectura. Este ano somos case 56 alumnos e 7 profesoras !!!!

A xuntanza inicial, que adoitabamos realizar de maneira conxunta e masiva, tivo que adaptarse ás circunstancias nas que vivimos marcadas pola Covid. Para gardar a distancia social, que tanto nos condiciona e protexe nestes tempos tan especiais, vímonos obrigados a celebrar a reunión por fases en diferentes días. O mesmo aconteceu coa nosa tradicional foto conxunta que realizamos cos grupos acompañados de cadansúa profesora.  

De todos os xeitos, queremos deixar ben claro que estas atípicas circunstancias non van diminuír as nosas ganas de mergullarnos na maxia da lectura. Ademais estamos habilitando un novo espazo que cumpra con todas as medidas de seguridade celebrar as reunións.

Aquí vos deixamos a galería de fotos da reunión inicial. Boas e proveitosas lecturas a todos e todas!