Este ano hai ... nada máis e nada menos que catro grupos de fendetestas nos primeiros cursos de ESO! E andamos a voltas cos monstros e cos fenómenos sobrenaturais. Xa lemos varios relatos.
En La litera superior, un pasaxeiro dun trasatlántico ten un compañeiro de camarote ben raro... non se deixa ver e respira dun xeito inquedante... A ventaniña da habitación aparece sempre aberta e o capitán do barco avisa ao pobre protagonista de que marche daquel lugar... Ó remate resulta que o acompañante é un monstro ben noxento... O que non sabemos é se se trata dun viaxeiro que se suicidou hai un tempo ou se é unha criatura que vén do fondo do mar para levar consigo ós que están acostumados a pisar en terra firme... O final aberto deixounos fabular á nosa maneira: ata houbo quen emparentou aquel bicho noxento con Neptuno, que xa sabedes quen é...
Levamos boa parte do mes metidos no mundo de Frankenstein: a verdade é que a súa historia deu moito xogo para falar sobre as responsabilidades de quen nos trae a esta vida, sobre a presenza de monstros de Frankenstein na actualidade, sobre a ambición desmedida e as súas consecuencias... Estamos a crear, estes días, finais diversos para a historia.
Ó remate do mes mostrarémosvos unha presentación que estamos a elaborar os fendetestas sobre monstros coñecidos na historia da literatura e do cine. Moi interesante!
No hay comentarios:
Publicar un comentario