Algúns dos fendetestas de 1º ESO lemos, durante as vacacións de Nadal, un libro de Francisco Castro (un dos autores de O neno can) que leva por título Chamádeme Simbad.
Paulo é un neno de dez anos que vive feliz cos seus pais e o seu avó. Os pais deciden ingresar ao avó nunha residencia porque cada día é máis difícil de coidar, pero este decide fuxir. O neno consegue localizalo seguindo unha serie de pistas que o avó lle foi deixando, e atópao na taberna dun irmán do ancián (o tío Bernardino), ao cal Paulo nin coñecía. Un vello conflito familiar fixo que estivese enfadado co seu pai e que rompese a relación co avó.
Nas reunións que tivemos para comentar a obra falamos do Alzhéimer (a enfermidade que ten o avó do protagonista) e das reflexións que esta fermosa historia nos provocou. Criticamos moito a actitude do pai do neno, que sempre está co móbil e parece coma se non atendese a nada que non fose o seu traballo. Ademais, tamén nos chamou atención como se comportaba co seu propio pai (o avó do neno). Decatámonos de que, ás veces, é coma se a xente maior fose un estorbo para os adultos e iso non nos pareceu nada ben. Pola contra, a actitude do neno é ben diferente. El lévase moi ben co avó e, cando xogan, parecen dous rapaces imaxinando aventuras. Para o avó é moi importante non separarse do seu neto.
Pensamos que o obxectivo do libro era que os lectores nos decataramos da necesidade de comprender e escoitar aos nosos maiores, especialmente cando están enfermos. A historia pareceunos un pouco triste, aínda que remata ben: o avó vai ir unhas horas para un Centro de Día mentres os pais de Paulo están traballando, pero vai seguir vivindo na casa familiar. Así Paulo e o seu avó poderán seguir compartindo xogos e vivindo fantásticas aventuras.
Ánxela, Ángela e Idaira (1º ESO A)
No hay comentarios:
Publicar un comentario