Clara é unha boa rapaza, unha estudante exemplar cunha vida que semella perfecta. Que pode levar a unha moza coma ela, con toda a vida por diante, a querer suicidarse? Esta é a pregunta que se formula a súa nai, Beatriz, incapaz de asimilar a cruel realidade. O comisario Trápaga é o encargado do caso e, aínda que ó principio ignora á desesperada nai, o seu interese aumenta cando se decata de que son varios os casos de suicidios de rapazas en circunstancias similares. Todas elas presentan unha serie de características que implican a existencia dun patrón común; pero o elemento determinante é, sen dúbida, un interlocutor na rede que se fai chamar Perseo. A partir deste momento comezan os intentos por tentar desenmascarar ao misterioso personaxe, aparentemente un psicópata que induce a mozas adolescentes a poñer punto final á súa vida. O final é, sen dúbida, sorprendente.
As opinións sobre este libro foron moi variadas. Todos estivemos de acordo en que nos gustara moito e que non podiamos deixar de lelo. Falamos do uso de diversos puntos de vista (a nai, o comisario…) e do interesante que resultou ver a realidade de maneiras diferentes. É un libro que impresiona e que non deixa indiferente a ninguén. A dor da nai provocada pola morte da súa filla e polas tremendas circunstancias en que esta se produciu é conmovedora. Ademais o libro induciunos a reflexionar sobre o uso das novas tecnoloxías e a necesidade de darlles un uso correcto polo perigosas que poden ser. Clara dice fíxonos pensar sobre cales poden ser as razóns que levan a unha persoa a realizar accións que, nunha situación normal, nunca faría. As motivacións poden ser moi variadas: por amor, por inxenuidade ou, simplemente, por un desexo de integración na sociedade. Comentamos a relación deste libro con Mentira de Care Santos e de como as relacións iniciadas a través da rede poden agochar desagradables sorpresas.
Se queredes ter máis información sobre o libro podedes consultar nos arquivos do blog Fendetestas a entrevista virtual a Carlos Roncero onde respondeu a unha serie de cuestións formuladas polos nosos compañeiros:
Para rematar esta crónica subimos ao blog unha interesantísima vídeo-recensión elaborada por Laura Míguez.
Cristian, Marcelo, Lucía, Laura, Jin e Xana
No hay comentarios:
Publicar un comentario