Mostrando entradas con la etiqueta Chamádeme Simbad. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Chamádeme Simbad. Mostrar todas las entradas

14 feb 2017

CHAMÁDEME SIMBAD


Algúns dos fendetestas de 1º ESO lemos, durante as vacacións de Nadal, un libro de Francisco Castro (un dos autores de O neno can) que leva por título Chamádeme Simbad.


Paulo é un neno de dez anos que vive feliz cos seus pais e o seu avó. Os pais deciden ingresar ao avó nunha residencia porque cada día é máis difícil de coidar, pero este decide fuxir. O neno consegue localizalo seguindo unha serie de pistas que o avó lle foi deixando, e atópao na taberna dun irmán do ancián (o tío Bernardino), ao cal Paulo nin coñecía. Un vello conflito familiar fixo que estivese enfadado co seu pai e que rompese a relación co avó.

Nas reunións que tivemos para comentar a obra falamos do Alzhéimer (a enfermidade que ten o avó do protagonista) e das reflexións que esta fermosa historia nos provocou. Criticamos moito a actitude do pai do neno, que sempre está co móbil e parece coma se non atendese a nada que non fose o seu traballo. Ademais, tamén nos chamou atención como se comportaba co seu propio pai (o avó do neno). Decatámonos de que, ás veces, é coma se a xente maior fose un estorbo para os adultos e iso non nos pareceu nada ben. Pola contra, a actitude do neno é ben diferente. El lévase moi ben co avó e, cando xogan, parecen dous rapaces imaxinando aventuras. Para o avó é moi importante non separarse do seu neto.

Pensamos que o obxectivo do libro era que os lectores nos decataramos da necesidade de comprender e escoitar aos nosos maiores, especialmente cando están enfermos. A historia pareceunos un pouco triste, aínda que remata ben: o avó vai ir  unhas horas para un Centro de Día mentres  os pais de Paulo están traballando, pero vai seguir vivindo na casa familiar. Así Paulo e o seu avó poderán seguir compartindo xogos e vivindo fantásticas aventuras.
                                                                                                    Ánxela, Ángela e Idaira (1º ESO A)