Noa Maques (1º Bach A) explica nesta recensión en formato vídeo as súas impresións despois de ler A casa de Mango Street.
Club de lectura do IES de Curtis
“Dicirlle á xente que non poden seguir vivindo sen ler un libro así, hai demasiada beleza nel para ignoralo”
Agustín Fernández Paz
Noa Maques (1º Bach A) explica nesta recensión en formato vídeo as súas impresións despois de ler A casa de Mango Street.
A casa de Mango Street é unha obra da escritora estadounidende Sandra Cisneros. Neste libro recóllense de xeito fragmentario as vivencias e impresións de Esperanza, unha rapaza que vive nun barrio pobre de Chicago.
Cun estilo moi particular e orixinal, ao xeito de viñetas ou historias intercaladas, a protagonista ofrécenos a súa visión da vida e dos habitantes do lugar ao que ela non quere pertencer. Vai pouco a pouco decatándose de que ten que saír do seu barrio para lograr as súas metas.
Os temas que aparecen ao longo da breve novela son: a pobreza e as desigualdades, os roles de xénero, a busca da propia identidade, a encrucillada da adolescencia, o choque de culturas, a marxinación sufrida polas minorías étnicas...
Chaman a atención especialmente dous aspectos que Esperanza recolle entre as súas vivencias e reflexións: o feito de que moitas mulleres da súa contorna estean “ atrapadas” pola pobreza, pola maternidade adolescente ou pola violencia patriarcal e a educación como única saída para transcender o destino que lles é imposto pola súa orixe.
A mensaxe da obra é asombrosamente clara a pesar do aparente caos no que se estrutura a narración. A fácil lectura aparente agocha un mundo de detalles que ben merecen un detemento co obxectivo de comprender mellor a historia. Pode lerse como un libro de poemas, non ten necesariamente que ter unha orde, nin é necesario lelo todo seguido. Non hai un fío argumental claro porque o libro ofrece unha visión fragmentaria pero cunha mensaxe clara: a denuncia dos roles de xénero das mulleres chicanas e a importancia da educación.
A historia remata co propósito de Esperanza de marchar de Mango Street e co convencemento de que, cando logre os seus soños, regresará para axudar aos demais a cambiar a súa sorte.
Lucía Castro, Sabela Martínez, Alba Couselo, Alba Carro, Antía López, Nerea Varela e Alia Castro