20 dic 2022

A CASA DE MANGO STREET

 A casa de Mango Street é unha obra da escritora estadounidende  Sandra Cisneros. Neste libro recóllense de xeito fragmentario as vivencias e impresións de Esperanza, unha rapaza que vive nun barrio pobre de Chicago.

Cun estilo moi particular e orixinal, ao xeito de viñetas ou historias intercaladas, a protagonista ofrécenos a súa visión da vida e dos habitantes do lugar ao que ela non quere pertencer. Vai pouco a pouco decatándose de que ten que saír do seu barrio para lograr as súas metas.

Os temas que aparecen ao longo da breve novela son: a pobreza e as desigualdades, os roles de xénero, a busca da propia identidade, a encrucillada da adolescencia, o choque de culturas, a marxinación sufrida polas minorías étnicas...

Chaman a atención especialmente dous aspectos que  Esperanza recolle entre as súas vivencias e reflexións: o feito de que moitas mulleres da súa contorna estean “ atrapadas” pola pobreza, pola maternidade adolescente ou pola violencia patriarcal e a educación como única saída para transcender o destino que lles é imposto pola súa orixe.

A mensaxe da obra é asombrosamente clara a pesar do aparente caos no que se estrutura a narración. A fácil lectura aparente agocha un mundo de detalles que ben merecen un detemento co obxectivo de comprender mellor a historia. Pode lerse como un libro de poemas, non ten necesariamente que ter unha orde, nin é necesario lelo todo seguido. Non hai un fío argumental claro porque o libro ofrece unha visión fragmentaria pero cunha mensaxe clara: a denuncia dos roles de xénero das mulleres chicanas e a importancia da educación.

A historia remata co propósito de Esperanza de marchar de Mango Street e co convencemento de que, cando logre os seus soños, regresará para axudar aos demais a cambiar a súa sorte.



 

Lucía Castro, Sabela Martínez,   Alba Couselo, Alba Carro, Antía López, Nerea Varela e Alia Castro

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario