Mostrando entradas con la etiqueta Palabras envelenadas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Palabras envelenadas. Mostrar todas las entradas

26 mar 2022

SOBRE PALABRAS ENVELENADAS...

 

Palabras envelenadas de Maite Carranza foi unha das lecturas escollidas por un dos grupos de 4º ESO para o segundo trimestre do curso. A historia da misteriosa desaparición dunha rapaza chamada Bárbara Molina é a base para  unha investigación na que as pezas vai encaixando coma nun quebracabezas. De feito, un dos comentarios que se  fixo na reunión mantida para falar da obra, foi que as lectoras do club ían cambiando de sospeitoso conforme avanzaba a lectura.  Todas estiveron de acordo en valorar o desenlace como  moi sorprendente. A temática da novela xira en torno aos abusos sexuais e psicolóxicos e as relacións familiares. Son moitos os sentimentos e emocións reflectidos a través dos personaxes: o medo, a hipocrisía, o sentimento de culpabilidade ante as agresións... Chamou a atención a existencia de relacións especialmente tóxicas e como os familiares máis achegados poden converterse en auténticos inimigos.Tamén se comentou a calidade literaria da obra, valorando especialmente a concentración da acción nun tempo moi limitado, xa que trancorre nun só día.

En definitiva, Palabras envelenadas é unha novela adictiva, amena, cun ritmo narrativo rápido e dinámico que empurra a non parar de ler ata o final. Totalmente recomendable!!!

 Paula Carrasco, Alia Castro, Noa Maques, Mireya Sánchez, Lucía López, Karla  Rivera e Salma  Mariño 

Para rematar, compartimos unha  magnífica recensión sobre a obra realizada por Alia  Castro:



27 may 2018

PALABRAS ENVELENADAS


      Este libro  de Maite Carranza conta a historia da estraña desaparición dunha rapaza  de quince anos chamada Bárbara Molina. Unha chamada a un móbil catro anos despois   provoca un fío de esperanza na súa desesperada nai e pon en marcha un novo xiro na investigación. Tamén resultan especialmente relevantes o personaxe do pai e  o dunha amiga  que se sente traizoada. O encargado do caso é  un policía que está a punto de xubilarse e que se implicará dun xeito moi persoal na misteriosa desaparición.  A  trama do libro desenvólvese nunhas  trepidantes vinte e   catro horas nas que se conseguen desentrañar as escuras claves que agocha o misterio. Aínda que non imos desvelar o final, non podemos evitar mencionar que resulta tremendamente sorprendente.

     
       Nas sesións mantidas para falar deste libro os Fendetestas de 2º ESO comentamos o desacougante que nos pareceu o libro. Relacionamos a temática con casos da actualidade como a desaparición de Diana Quer ou doutras rapazas e falamos das terribles situacións que algunhas persoas teñen que soportar: abusos, violacións, maltrato... Comentamos a importancia de denunciar estes delitos e a necesidade de que a sociedade se conciencie da importancia dos mesmos.  Tamén falamos da relación entre os pais de Bárbara que nos pareceu  moi complicada e con actitudes moi machistas. A conexión entre os comportamentos machistas e as agresións que comentamos antes é evidente. 

        Respecto á narración en  concreto todos estivemos de acordo en que  o libro tiña un ritmo trepidante que conseguía “enganchar” moi facilmente. O que máis nos gustou foi que finalmente conseguisen atopar a Bárbara con vida e o que menos a triste  e tremenda historia que explicaba a desaparición da rapaza. Respecto á técnica de narración  o uso dos saltos no tempo e a capacidade que ten a autora para manter o fío narrativo chamaron a nosa atención. Tamén  sinalamos o  curioso que nos pareceu que a historia  se desenvolva en tan só en vinte e catro horas e como este feito lle dá un ritmo especial á narración.

                                                                                                                     Fendetestas de 2º ESO